Ir o contido principal

Responsables de máis de douscentos centros galegos de ensino medio reúnense este venres con persoal directivo da USC

O Salón Nobre de Fonseca acolle este venres 19 a reunión anual con persoal directivo e orientador de centros de Ensino Medio de Galicia para dar a coñecer as actividades que o programa ‘ A Ponte’ pon en marcha este curso académico 2010-11. Son 209 os centros que asistirán á convocatoria da USC, dos que 97 pertencen á provincia da Coruña, 29 á de Lugo, 67 á de Pontevedra e 16 á de Ourense. A sesión, que presidirá o reitor Juan Casares Long, dará comezo ás 11:30 horas. Nela intervirán a concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón, que presentará as ofertas educativas e culturais da cidade; e a vicerreitora de Estudos de Grao e Posgrao e o director do Centro de Posgrao, Eva castro Caridad e Ignacio Zarra Cameselle, respectivamente, que falarán da oferta académica do presente curso. O representante da CiUG Ramón Bravo Quintas explicaralle aos asistentes as probas de acceso á universidade (PAAU) para este curso así como o acceso á USC, e finalmente o coordinador do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’, Luis Hervella Torrón, comentará as accións que se van a desenvolver neste curso. Tamén no transcurso do acto se falará do Centro de Hostalaría de Galicia e do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2010.