Ir o contido principal

A revista Ágora rende tributo á primeira xeración de especialistas en Antropoloxía socio-cultural da USC

A publicación homenaxea as figuras de Marcial Gondar Portasany, Xosé Ramón Mariño Ferro e Xaquín Rodríguez Campos, recentemente xubilados
Santiago de Compostela

A través do último volume de Ágora, revista editada polo Departamento de Filosofía e Antropoloxía da Facultade de Filosofía da USC, a área de Antropoloxía quere render unha homenaxe ao traballo dos profesores, recentemente xubilados, Marcial Gondar Portasany, Xosé Ramón Mariño Ferro e Xaquín Rodríguez Campos. A través do título ‘Futuros abertos’ preténdese destacar que esta primeira xeración de antropólogos, profesores e investigadores da área de Antropoloxía da USC, “inauguraron na antropoloxía de Galicia unha abordaxe académica de temas relevantes que continúan abertos na disciplina, dando lugar a novos tratamentos e resultados de investigación”, relatan no artigo de presentación as profesoras Nieves Herrero e Elena Freire.

Marcial Gondar e Xaquín Rodríguez foron, xunto con Javier San Martín, os primeiros docentes de antropoloxía social na USC. Como profesores do departamento de Filosofía, empezaron a impartir unha materia denominada Antropoloxía que formaba parte do plan de estudos da titulación de Ciencias da Educación que botou a andar no curso 1973-74 e integraba as tres especialidades de Filosofía, Pedagoxía e Psicoloxía. Conscientes da achega formativa que podía facer a antropoloxía social a eses profesionais, estes profesores deron esta orientación a esa materia, en lugar do enfoque filosófico máis esperable dada a especialidade do departamento responsable da súa docencia.

Este foi, por tanto, o xerme a partir do que se desenvolvería, xa nos anos 80, a Área de Antropoloxía Social da USC. Poucos anos antes diso, Javier San Martín trasladárase a Madrid como profesor de Filosofía da UNED e incorporáranse progresivamente á área outros antropólogos pertencentes a esta mesma xeración, como foi o caso de Xosé Ramón Mariño Ferro. Ao longo das súas numerosas publicacións estes profesores achegaron un corpus moi significativo de estudos sobre a cultura rural de Galicia e as súas transformacións, que abrangue ámbitos moi diversos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.01.2023.