A ‘Revista de Investigación en Educación’ analiza nun monográfico a parentalidade positiva
A investigadora da USC María Dolores Seijo coordina xunto coa catedrática da Uvigo Francisca Fariña un número monográfico da Revista de Investigación en Educación no que se recollen diversos traballos sobre parentalidade. No seu conxunto a publicación busca profundar nos efectos da parentalidade positiva e nas diferentes liñas de investigación que poñen o foco nesta cestión. Como sinala o equipo responsable da publicación “a parentalidade positiva é o exercicio da parentalidade centrada nas necesidades e os dereitos dos fillos e fillas, na que se lles protexe e educa sen que exista violencia no fogar e se lles ofrecen ferramentas para xestionar os conflitos e as controversias de maneira colaborativa e positiva”.
O volume reúne achegas de equipos investigadores de seis universidades españolas e unha estadounidense. Entre os traballos inclúense o das investigadores da USC Mercedes Novo e Bárbara Castro, quen xunto con Dolores Seijo e Francisca Fariña, avaliaron os efectos do programa educativo de apoio ás familias inmersas en procesos de separación ‘Ruptura de parellas, non de familias’ contando a eficacia deste tipo de accións á hora de promover un “exercicio responsable da parentalidade”. As autoras lembra que máis que a propia separación, o “conflito interparental” que pode darse nestes procesos “pode causar danos severos a proxenitores e fillos e fillas, con efectos perdurables na etapa adulta”.