Ir o contido principal

Santiago acollerá en 2019 o segundo Cumio Académico e do Coñecemento da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños e a Unión Europea

De esquerda a dereita, Julio Abalde, Salustiano Mato, Román Rodríguez, Juan Viaño e José Alberto Díez de Castro
De esquerda a dereita, Julio Abalde, Salustiano Mato, Román Rodríguez, Juan Viaño e José Alberto Díez de Castro

O segundo Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE (Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños e a Unión Europea) celebrarase en Santiago de Compostela en 2019. A noticia coñeceuse no marco do Consello Universitario desta entidade na Conferencia anual da Asociación Nacional de Universidades e Institucións de Educación Superior de México (ANUIES), celebrado en Guadalajara (México).

Tanto o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, como os reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño (Universidade de Santiago de Compostela), Salustiano Mato (Universidade de Vigo) e Julio Abalde (Universidade da Coruña), amosaron a súa satisfacción pola celebración deste encontro na nosa Comunidade, que suporá a chegada a Galicia de 500 representantes de universidades iberoamericanas e da Unión Europea.

De feito, o conselleiro trasladou, no seo da conferencia da ANUIES, o seu agradecemento e “ orgullo” por acoller este cumio, que suporá, nas súas palabras, “unha gran oportunidade para incrementar a presenza das universidades iberoamericanas en España e en Europa, e viceversa”.

Espazo Común Euro-Latinoamericano e Caribeño
No marco deste encontro, avanzarase na construción dun Espazo Común Euro-Latinoamericano e Caribeño de Educación Superior, Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. Cómpre lembrar que, neste sentido, a administración autonómica asinou tamén un memorando de entendemento para colaborar en actividades académicas, científicas e culturais de interese común con ANUIES. Este Espazo común construirase a partir de espazos, mecanismos e instrumentos existentes, como a European University Association (EUA) e os Espazos Europeo e Latinoamericano e Caribeño de Educación Superior.

Entre os obxectivos do Espazo Común, enunciados na Declaración de San Salvador (5 e 6 de outubro de 2017), está o de afondar no impulso da mobilidade académica, a cooperación entre institucións e o intercambio de experiencias e boas prácticas en materia de docencia, investigación, extensión e xestión. Así mesmo, fomentaranse acordos bilaterais, rexionais e birrexionais de recoñecemento de títulos e plans de estudo, dentro do marco da autonomía universitaria, co fin de aproximar os sistemas de educación superior europeos, latinoamericanos e caribeños.

No eido da I+D+i, impulsarase a cooperación entre os sistemas de investigación científica, de tecnoloxía e innovación, particularmente no que atinxe á mobilidade de investigadores, o uso compartido de infraestruturas e capacidades científicas, e a participación de científicos de ambas rexións en proxectos de investigación estratéxicos conxuntos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2017.