Ir o contido principal

Santiago de Compostela rexistrou en 2010 máis horas de sol e menos precipitacións que o ano anterior

O informe elaborado polo Observatorio Astronómico da USC constata que a cidade rexistrou o cincuenta por cento de horas de luz posibles

A cidade de Santiago gozou de máis horas de sol e menos choivas durante 2010. Así se desprende do informe meteorolóxico anual elaborado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. De feito, Compostela rexistrou 2.204 horas de sol, é dicir, o 50,3 por cento das posibles nos últimos doce meses, unha cifra que a sitúa catro puntos por riba da media dos últimos vinte anos, fixada no 46 por cento. Con isto, o 2010 se sitúa como o terceiro ano con máis hora de sol dende 1990, só superado por 2005 e 2006 co 51,2 e o 50,4 por cento, respectivamente. Pola contra, o número de precipitacións descendeu respecto de 2009, aínda que foi alto, se tomamos en conta os datos existentes dende 1990. Así, segundo informou o director do observatorio, José Ángel Docobo, en Santiago rexistráronse un total de 2.004 litros de auga por metro cadrado en 2010, cento cincuenta menos que o ano anterior. Porén, as choivas foron superiores a outros anos, posto que a media anual dos últimos vinte situouse en 1.834,2 litros por metro cadrado. O 24 de febreiro foi o día máis chuvioso de 2010 con 104 l/m 2. No que respecta ás temperaturas, Santiago tamén tivo valores altos o pasado ano. Así, en 136 días de 2010 estivo entre os 20 e os 25 graos e só en dezaoito días se rexistraron valores negativos. O 31 de agosto foi o día máis caloroso dos pasados doce meses en Compostela con 35,4 graos de temperatura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.01.2011.