A secretaria xeral Iberoamericana visitou as instalacións universitarias do CiMUS

A secretaria xeral Iberoamericana, Rebeca Grynspan, visitou este mércores as instalacións universitarias do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), aproveitando unha estadía en Compostela na que asinou co presidente da Xunta de Galicia o memorando de entendemento para a adhesión á alianza para a mobilidade académica.
Acompañada do reitor Juan Viaño e do director do centro, Carlos Diéguez, Grynspan coñeceu a actividade científica de excelencia que se leva a cabo no CiMUS e fixo un percorrido por algún dos seus laboratorios. Nesta visita participaron tamén o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a presidenta da Acsug e profesora da USC, Patrocinio Morrondo.
Este centro punteiro dirixe os seus obxectivos científicos á aplicación de estratexias transdisciplinares para a resolución de problemas relevantes no ámbito da biomedicina en áreas temáticas como o cancro, endocrinoloxía e nutrición, cardiovascular e neurociencia, así como en áreas xerais como a xenética e a xenómica funcional, terapias experimentais e bioestatística.
Rebeca Grynspan
Rebeca Grynspan lidera desde 2014 a Secretaría Xeral Iberoamericana, un organismo internacional de apoio aos 22 países que conforman a comunidade iberoamericana centrado nos ámbitos da educación, a cohesión social e a cultura.
Anteriormente, Grynspan fora elixida secretaria xeral adxunta da ONU e administradora asociada do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD). Durante estes mandatos axudou en gran medida a centrar a atención do mundo e de América Latina en cuestións tan importantes como a redución da desigualdade e a pobreza, a equidade de xénero e a cooperación sur-sur como instrumento para o desenvolvemento.
Antes de incorporarse á ONU foi vicepresidenta de Costa Rica (1994- 1998), ministra de Vivenda, ministra coordinadora de Asuntos Económicos e Sociais e viceministra de Finanzas. Ademais, foi membro do Panel de Alto Nivel sobre Financiamento para o Desenvolvemento convocado polo entón secretario xeral da ONU, Kofi Annan.