Ir o contido principal

Un seminario abordará o 20 de abril a protección da innovación en materiais e en tecnoloxía sanitaria

Cartel da xornada
Cartel da xornada
O CiMUS acollerá este encontro organizado conxuntamente por USC e a firma ABG Intellectual Property
Santiago de Compostela

En 2022 a Oficina Española de Patentes e Marcas recibiu 67 solicitudes de patente galegas (8 máis que o ano anterior) e a Oficina Europea de Patentes outras 59. Cada unha delas representa unha invención cuxo desafío é xerar empregos de calidade e mellorar a vida dos cidadáns. O seminario IP Perspectives Galicia, que coorganizan a USC e a firma ABG Intellectual Property, pretende facer fronte a ese reto.

Tras unha primeira edición que tivo que cancelarse por mor da pandemia e dúas edicións virtuais, a xornada desenvolverase finalmente en formato presencial. Será o próximo 20 de abril no Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS). A asistencia é libre previo rexistro.

Nesta ocasión dúas das grandes apostas estratéxicas da economía galega, como son a biotecnoloxía e os materiais innovadores, serán os temas centrais que se tratarán no seminario. Nesas áreas é particularmente importante solicitar patentes que impidan que terceiros se aproveiten de forma ilícita dos avances e, por iso, diferentes axentes de patente europea de ABG Intellectual Property compartirán información especializada de gran valor durante a sesión.

Mellorar a sociedade

O obxectivo último de poder impedir que outros se beneficien dos desenvolvementos é atraer o investimento necesario que leve esa innovación aos cidadáns. Exemplo diso é a empresa ourensá Oncostellae, unha biofarma fundada en 2013 dedicada ao desenvolvemento de novos fármacos que alcanzou varios acordos de licenza con grandes farmacéuticas. O seu director xeral, Guido Kurz, compartirá o seu caso de éxito cos asistentes. A sesión quere divulgar a propiedade industrial entre o persoal científico galego para contribuír ao fortalecemento dun tecido industrial baseado no coñecemento e no progreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2023.