Ir o contido principal

O Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura viaxa a Australia tralo “éxito total” da edición celebrada en Santiago

Foto de familia de participantes na edición XII do ISGA, celebrada en Santiago
Foto de familia de participantes na edición XII do ISGA, celebrada en Santiago
O presidente do comité organizador do ISGA e catedrático da USC, Paulino Martínez, sinala que este foro serviu de escaparate para o sector en Galicia

O Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura (ISGA) XII, organizado polo el grupo de investigación Acuigen da USC co apoio da Asociación Internacional de Xenética en Acuicultura e Cetmar, vén de pechar en Santiago a súa duodécima edición cun balance repleto de éxitos, tanto no que se refire ao nivel de participación como no que atinxe a intercambio de información e debate científico como a fortalecemento e reforzo de vías de colaboración entre investigadores e empresas.

O presidente do comité organizador da duodécima edición do ISGA, un simposio de xenética en acuicultura con máis tradición e prestixio, o catedrático da USC Paulino Martínez, cualificou de “ éxito total” este foro de referencia internacional, no que uns 250 científicos y expertos, procedentes de preto de medio centenar de países, maioritariamente de Europa, pero tamén de América, Australia, Asia e África, compartiron os últimos resultados de investigación sobre xenética en acuicultura. Este simposio, que recalou en Santiago logo de que a candidatura presentada polo grupo Acuigen da USC acadara un apoio maioritario na edición celebrada en Alabama en 2012, serviu ademais de escaparate internacional para a acuicultura galega, ademais de contribuír a mellorar e ampliar as colaboracións internacionais dos investigadores e das empresas ligadas ao sector da acuicultura radicadas en Galicia, dixo Martínez, para logo engadir que a próxima edición do ISGA desenvolverase en 2018 na cidade australiana de Townsville. Respecto das temáticas que cobraron máis peso no contexto dos debates e sesións de traballo desenvolvidas no marco do XII Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura, Martínez sinala que as novas tecnoloxías da xenómica: secuenciación de xenoma, mapas xenéticos, marcadores... cobraron unha maior relevancia fronte a outras liñas de investigación máis tradicionais na xenética. O presidente do comité organizador deste foro apuntou tamén neste senso a celebración dun interesante debate sobre a diminución de riscos en aras a avanzar cara a unha acuicultura cada vez máis sostible. A participación en Santiago de Compostela dos principais expoñentes científicos internacionais do eido da acuicultura, xa a través das conferencias convidadas ou das táboas redondas organizadas no marco do ISGA, denotan, na opinión de Paulino Martínez, o nivel de éxito acadado nesta edición do Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura, un foro que serviu ademais para a promoción dos propios grupos de investigación galegos, tales como o Acuigen, das súas firmas biotecnolóxicas e tamén das compañías de acuicultura existentes. As visitas organizadas ao Grove, para coñecer o sistema de produción do mexillón, e tamén a explotacións acuícolas de rodaballo, contribuíron a este labor de divulgación e posta en valor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2015.