Solucións construtivas en madeira labradas na EPS

As posibilidades arquitectónicas e construtivas que ofrece a madeira son múltiples e moi diversas, tal e como proban as distintas propostas presentadas ao concurso de proxectos da quinta edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao da USC organizado pola Plataforma da Madeira Estrutural (Pemade) e financiado, entre outras empresas e entidades, por Confemadera Galicia que rexistrou na súa última edición 32 persoas matriculadas.
O deseño e a elaboración dun centro de negocios polivalente no polígono industrial de As Gándaras, a iniciativa do Concello de Lugo era a idea inicial sobre a que tiñan que versar os proxectos finais deste máster, dirixido polo catedrático da USC Manuel Guaita. Sen embargo, o pouco atractivo que espertou esta proposta entre o estudantado fixo que a dirección do posgrao acordara dar liberdade para a elaboración dos traballos finais, que incluso se puideron presentar por parellas, tal e como é o caso de dous dos tres traballos premiados no concurso de proxectos do V Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC. O proxecto ‘Vivendas modulares en madeira contralaminada’, presentado pola arquitecta madrileña María Sánchez Ontín e polo enxeñeiro de Montes Pablo Martínez Coto, tamén de Madrid, foi o traballo máis valorado polo xurado encargado de fallar este certame, un tribunal formado polo profesor da USC Juan Ortiz; o arquitecto do estudo Arrokabe de Santiago, Iván Andrés e por Alfonso Lozano, profesor da Universidade de Oviedo. Os autores deste proxecto recibiron como gratificación 800 unha bolsa de 800 euros. O segundo premio do concurso de proxectos do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, un galardón dotado con 400 euros en metálico, recaeu no traballo desenvolvido baixo o título ‘ Carballeira 2.0’, no que o seu autor, o arquitecto vigués Miguel González Conde, presenta unha proposta de centro de negocios para emprazar no polígono industrial das Gándaras, en Lugo. A arquitecta Marta Marcos Maroño e o enxeñeiro agrónomo Pedro Fernández García obtiveron o terceiro premio desta convocatoria, gratificado con 250 euros, por ‘Proxecto de apartamentos tutelados para a asociación de veciños de Roupar/Xermade –Lugo’. Trátase neste caso dunha proposta de vivenda tutelada para persoas da terceira idade da parroquia xermadesa de Roupar que responde a unha petición real formulada polos interesados. Os autores deste proxecto estudan neste traballo o posible emprego de madeira como material de construción. Proxecto de centro de negocios no polígono das Gándaras Proxecto de apartamentos tutelados na parroquia xermadesa de Roupar