Ir o contido principal

Teatro e danza únense coas novas tecnoloxías nun proxecto promovido pola Fundación CEER

Este xoves dende Santiago compañías universitarias da eurorrexión participan por internet nunha novidosa iniciativa interactiva

O grupo de danza da USC, a Aula de Teatro da UVigo e docentes e alumnos da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD) porán en escena este xoves, 2 de decembro, un espectáculo conxunto de danza nas Universidades de Vigo e Santiago que poderá ser visualizado en directo nas Universidades e que será tamén retransmitido a través de internet. Tanto o grupo de teatro, que se atopará na Universidade de Vigo, como o de danza, que se localizará na Universidade de Santiago, actuarán na distancia mediante as novas tecnoloxías, recibindo as imaxes do outro grupo mediante proxeccións, de xeito que poderán interactuar entre si. A cita en Santiago é ás 13:00 horas na Aula de Visionado 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación. O proxecto, organizado por i2CAT e Kònic e coordinado polo CEER, xurdiu grazas a unha subvención do Ministerio de Cultura e conta coa participación activa das Universidades de Santiago, Vigo, Trás-os-Montes e Alto Douro e a ESAD. Adicionalmente ao evento, a Fundación i2CAT está a ofrecer aos participantes formación relacionada coas TICs nas industrias culturais, que estes días imparten técnicos das Universidades de Santiago e Vigo que colaborarán na posta a punto do evento distribuido. Do mesmo modo, a UTAD organiza para o 17 de decembro unha clase maxistral enfocada á utilización das novas tecnoloxías na creación de proxectos artísticos, que será retransmitida por internet.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2010.