Ir o contido principal

Unha tese de doutoramento desbota os tratamentos atimicrobianos convencionais para previr as caries

Unha tese de doutoramento desbota os tratamentos atimicrobianos convencionais para previr as caries
Unha tese de doutoramento desbota os tratamentos atimicrobianos convencionais para previr as caries
Avoga por técnicas ómicas para equilibrar o ambiente metabólico parcial asociado a esa enfermidade dental

A carie dental non é unha enfermidade infecciosa senón una disbiose polimicrobiana causada por patobiontes, é dicir, unha enfermidade producida por varias especies bacterianas, non só unha. É por iso que as estratexias guiadas coa fin de equilibrar o ambiente metabólico parcial asociado coa carie –en lugar dos tratamentos antimicrobianos convencionais dirixidos a unha soa bacteria, como no caso das vacinas anticaries que se intentaron desenvolver durante décadas- serían máis eficaces na promoción dun contorno oral san. Esta é una das principais conclusións ás que chegou Áurea Simón Soro na súa tese de doutoramento, a primeira con Mención Internacional defendida na Universidade de Santiago de Compostela baseada na aplicación de técnicas ómicas para o estudo de enfermidades polimicrobianas orais. O traballo de doutoramento ‘Dental Caries Etiopathogenesis: Microbial composition, functional activity and host recognition’ foi dirixido por Alejandro Mira Obrador, da Área de Xenómica e Saúde do Centro Superior de Investigación en Saúde Pública da Fundación FISABIO (Valencia), e Inmaculada Tomás, da Unidade Clínica de Pacientes con Necesidades Especiais e do Oral Sciences Research Group da USC. A tese xurde como froito da estreita colaboración establecida desde hai varios anos entre os grupos de investigación da USC e de Valencia que se centra no estudo da xenómica de comunidades polimicrobianas asociadas ás patoloxías orais. O traballo de Áurea Simón estudou a composición da comunidade microbiana e a súa funcionalidade en diferentes estadios de progresión da carie dental mediante técnicas de metaxenómica e metatranscriptómica, así como o papel do sistema inmunedo paciente para previr a patoxénese da microbiota oral. Os resultados foron xa publicados en numerosas revistas científicas de elevado prestixio no ámbito da odontoloxía e a microbioloxía, destacando de forma especial a publicación en Trends in Microbiology cun factor de impacto de 9,186. O tribunal que avaliou o traballo estivo composto polas profesoras das Facultades de Odontoloxía e Bioloxía das Universidades de Valencia e Santiago, Carmen Llena, Mercedes Suárez e Ana Otero; a bióloga investigadora Vanesa Blanch, da empresa do sector odontolóxico Dentaid; e o profesor de Microbioloxía da Universidade de Harvard, Jorge Frías-López.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2015.