Ir o contido principal

Un traballo da USC gaña o Premio Antonio Usero de ciencias da saúde

Carlos García, en primeiro termo, xunto con Carmen Álvarez e Ángel Concheiro
Carlos García, en primeiro termo, xunto con Carmen Álvarez e Ángel Concheiro

O traballo ‘Prototipado de scaffolds nanoestruturados para rexeneración ósea’, desenvolvido no grupo I+D Farma da USC e con Carlos A. García González como investigador principal, resultou gañador da novena edición do Premio de Investigación Antonio Usero da área de Ciencias da Saúde que convocan o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña. Xunto a Carlos García, o grupo de traballo galardoado está formado pola rofesora titular Carmen Álvarez Lorenzo e o catedrático Ángel Concheiro Nine. O xurado destacou o rigor da investigación e o que pode supor “para a recuperación de moitas persoas con problemas de saúde complexos”. Carlos A García González, que conseguiu o premio fronte aos outros 23 aspirantes desta edición, é enxeñeiro químico e licenciado en Química pola USC e doutor en Enxeñaría de Procesos Químicos pola Politécnica de Cataluña. A súa estadía posdoutoral realizouna entre 2010 e 2012 no Institute of Thermal Separation Processes da Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña) e foi enxeñeiro investigador no centro de I+D da compañía Solvay (Bruxelas, Bélxica) entre 2012 e 2014. En 2014 incorporouse como investigador Juan de la Cierva ao grupo I+D Farma do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC. Ten actualmente concedida unha axuda Ramón y Cajal de próxima incorporación no mesmo grupo. A súa liña investigadora céntrase no desenvolvemento de andamiaxes nanoestruturados e biofuncionalizados adecuados para medicina rexenerativa mediante o emprego da tecnoloxía de fluídos supercríticos, unha tecnoloxía verde de fabricación nun só paso, facilmente escalable e sen necesidade de procesos de purificación posteriores. Os premios

O premio de investigación Antonio Usero –dotado con 12.000 euros– convócase con carácter bianual, un ano dedicado ás ciencias da saúde e o seguinte ás ciencias do traballo. Nesta ocasión, o xurado estivo composto por un representante do concello ferrolán; o catedrático do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, Tomás González Villa; o coordinador da Unidade de Investigación Clínica e Ensaios Clínicos da Coruña, Pablo Uriel Latorre; as profesoras do Departamento de Ciencias da Saúde da UDC María Sobrido Prieto e Carmen Coronado Carvajal; e o secretario técnico do Campus de Ferrol, Ramón J. Noguerol Gómez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2015.