Ir o contido principal

Traducidos ao portugués dous estudos de Roberto Blanco sobre o valor da Constitución e o funcionamento dos partidos

O XVII Congreso da Asociación Nacional de Procuradores da República celebrado en Brasil foi o escenario no que se acaban de presentar de xeito simultáneo a tradución ao portugués dos libros El valor de la Constitución e Las conexiones políticas. Partidos, Estado, Sociedad, do catedrático Roberto Blanco. No primeiro caso, El valor de la Constitución. Separación de poderes, supremacía de la ley y control de constitucionalidad en los orígenes del Estado liberal –do que tamén existe unha tradución ao italiano- presenta un estudo sobre as orixes do concepto de Constitución nas revolucións norteamericana e francesa, analizando as razóns históricas polas que evolucionaron de xeito tan diferente a pesar de partir de bases xurídicas similares. Combinando as análises xurídica e histórico-política, o autor compón un ensaio sobre un tema que non tiña sido abordado nunca no seu conxunto nin en España nin fóra. O segundo dos libros traducidos ao portugués estuda o papel dos partidos nos sistemas democráticos modernos. Así, Las conexiones políticas parte da evolución da democracia española para obter conclusións xerais respecto de temas como o financiamento partidista, a democracia interna dos partidos, a corrupción política, o control parlamentario ou a ilegalización dos partidos.

Catedrático de Dereito Constitucional da USC, Roberto L. Blanco Valdés incrementa o alcance da súa produción científica sobre o estudo dos partidos, tema sobre o que publicou diversos libros e artigos e presentado numerosas leccións en congresos. Ademais, ten sido asesor da Comisión creada no Congreso dos Deputados sobre financiamento de partidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2010.