Trescentos estudantes de corenta nacionalidades asisten este mes na USC aos cursos de español

Os trescentos estudantes que este mes de xullo participan nos cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e para profesores de español como lingua estranxeira que organiza a Oficina de Cursos Internacionais da USC asistirron esta tarde ao acto inaugural. Na apertura, no Paraninfo da Universidade, interviñeron o reitor da USC, Juan Casares Long; o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; a vocal asesora do Ministerio de Educación, Rosa Rodríguez Pascual; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud. Foi o escritor e xornalista Miguel Anxo Murado quen pronunciou a conferencia inaugural sobre a visión que de España e Galicia se ten desde o estranxeiro. Múltiples nacionalidades Ao acto asistiron os estudantes e coordinadores estranxeiros matriculados nos cursos procedentes de Reino Unido, Italia, Estados Unidos, Canadá, Brasil, Arabia Saudí ou Xapón. Participaron tamén alumnos e alumnas que viaxaron individualmente dende Suecia, Taiwán, Australia, Francia, Escocia, Noruega, Reino unido, Alemaña, Italia, Xapón, Indonesia, china, Albania, EEUU, Brasil, Canadá, Corea, Filipinas, Grecia, Holanda, Irlanda, Nixeria, Portugal, Finlandia e Arabia Saudí. Por outra banda, contouse coa presenza dos docentes estranxeiros de ensino secundario que forman parte dos Programas de formación, nas diversas versións de actualización didáctica, metodolóxica e cultural, para profesores de español como lingua estranxeira organizados por Cursos Internacionais en colaboración co Ministerio de Educación e a Embaixada de España en EEUU e Canadá. Dentro destes programas destaca o Curso de lingua e cultura españolas sobre O Camiño de Santiago, que ten como obxectivo perfeccionar a competencia lingüística e cultural dos participantes no marco da historia e a actualidade do fenómeno xacobeo e que foi o que maior aceptación tivo. Estes docentes proveñen de países tan diversos como Estados Unidos, Canadá, Brasil, Albania, Bulgaria, Eslovaquia, Hungría, Polonia, República Checa, Romanía, Rusia, Turquía, Portugal, Eslovaquia, Grecia, Marrocos, Austria, Francia, Holanda, Noruega, Reino Unido e Uzbequistán. Programa académico e cultural Para todos eles Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden clases de lingua para os estudantes e de didáctica e metodoloxía do ensino da lingua para os profesores. Inclúense seminarios de cultura que achegarán aos participantes diferentes aspectos da realidade de España e de Galicia. A carga lectiva destes programas é de 20 horas semanais. Tamén a experiencia cultural é unha parte fundamental da aprendizaxe lingüística. Por iso as clases da mañá compleméntanse cun amplo programa de actividades culturais como visitas guiadas á cidade e ao Patrimonio da USC, sesións de cine, conferencias, museos, aulas itinerantes e excursións á Ría de Arousa, Lugo e O Camiño de Santiago e A Coruña e Rías Altas. Compostelando Por outra banda, Cursos Internacionais convoca a 3º Edición do Concurso de Fotografía Compostelando , co obxectivo de que todos os estudantes estranxeiros capten a imaxe que para eles reflicta a vida na universidade e na cidade compostelá. Colaboran nesta iniciativa a Vicerreitoría de Cultura e a Concellaría de Educación. Nesta edición matriculáronse trescentos estudantes de corenta nacionalidades