Última oportunidade para inscribirse no Trofeo de Orientación Universidade de Santiago
Este martes remata o prazo para inscribirse na carreira que discorrerá polo Pedroso o sábado 3 de novembro
A noite deste martes 30 péchase o prazo para inscribirse no Trofeo de Orientación Universidade de Santiago que discorrerá o sábado, 3 de novembro, pola zona da Granxa do Xesto, no Monte Pedroso. Nesta proba de orientación pode participar calquera persoa interesada, que deberá formalizar a inscrición a través de internet. A orientación, deporte moi coñecido nos países nórdicos mais aquí aínda minoritario, consiste nunha carreira contrarreloxio por espazos naturais con diversas distancias no que a cada participante se lle entrega na saída un mapa co percorrido sinalado e os puntos polos que ten que pasar. Para facelo só pode valerse dun compás e da súa intuición.