Ir o contido principal

Últimos días para concorrer á edición número catorce dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero

Imaxe de arquivo dunha clase práctica na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase práctica na USC. FOTO: Santi Alvite
Recoñeceranse iniciativas desenvolvidas tanto no ámbito da docencia como da investigación. O prazo permanecerá aberto ata o 31 de maio
Lugo, Santiago de Compostela

Os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero manteñen aberto o prazo para participar na súa décimo cuarta convocatoria, unha acción consolidada das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes na USC a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero tanto na vertente docente como na investigadora. Esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea. Ademais, esta é unha actividade incluída na ferramenta en liña Gear tool que serve de apoio a organizacións investigadoras, como as universidades.

A convocatoria contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do Persoal Docente e Investigador (PDI) da USC: unha primeira oriéntase a accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia na universidade, mentres que a segunda valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento. Estes premios contan co co-financiamento do Concello de Santiago e o prazo para a admisión de orixinais permanecerá aberto ata o 31 de maio.

Para concorrer será preciso presentar unha memoria do traballo cunha extensión máxima de 25 páxinas (DIN A4), letra ‘Calibri’ e tamaño 12, a dobre espazo. Se fora necesario tamén se poderá acompañar material complementario como publicacións ou dossier, entre outros. Toda a documentación deberá presentarse en formato PDF a través da sede electrónica.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2023.