Ir o contido principal

A Unidade de Xestión Forestal Sostible da EPS de Lugo presenta os resultados das súas principais liñas de investigación

A xornada, dirixida a técnicos de empresas e da Administración, desenvolverase o luns 29 e inclúe unha visita a unha das parcelas de investigación do equipo de traballo

A Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo organiza a cuarta xornada de difusión de resultados das súas principais liñas de investigación, dirixida a profesionais do sector, tanto de empresas privadas como da Administración pública. A sede do encontro, que se celebra o luns 29 de outubro, será o Salón de Actos da EPS. A actividade comeza ás 10.30 horas cun primeiro relatorio que estará centrado nos resultados do IV Inventario Forestal Nacional, a cargo de Roberto Vallejo, Xefe da Área de Inventario e Estatística Forestal do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. A continuación o profesor Ulises Diéguez falará sobre a aplicación GesMO, desenvolvida na propia EPS para a simulación do crecemento en especies como carballo, bidueiro ou eucalipto en diferentes condicións. Os profesores David Miranda e Juan Gabriel Álvarez serán os encargados de presentar o sistema LiDAR (Light Detection and Ranging) aerotransportado para a elaboración de modelos dixitais de localización e volume de masas forestais. A última das intervencións correrá a cargo do profesor Guillermo Riesco e tratará sobre a predición da calidade tecnolóxica da madeira a partir das características externas de fustes e toradas. A actividade da mañá péchase cunha visita ao laboratorio de ensaios estruturais da madeira, da man do profesor Manuel Guaita. A sesión de tarde consistirá nunha visita á parcela de Pinus radiata que a UXFS ten no concello lucense de Begonte, e onde se vén realizando un estudo sobre a aplicación de claras e podas para prevención de incendios desde o ano 2004. Así mesmo, os participantes na visita poderán asistir a unha demostración do sistema LiDAR terrestre e outra sobre a avaliación da calidade da madeira mediante equipos sónicos, ademais dunha clase práctica sobre os problemas causados polos perforadores en coníferas. Os profesores Alberto Rojo, Roque Rodríguez e Fina Lombardero e o investigador Eduardo González, participan na visita, na que tamén estará a investigadora Esther Merlo, da empresa de servizos forestais Madera+. A organización cubriu xa as 60 prazas ofertadas para os asistentes, pero a entrada aos relatorios como oínte será libre para quen o desexe, ata completar a capacidade do Salón de Actos no que se desenvolve a xornada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2012.