A Universidade e o Consorcio de Santiago presentaron 'Escritos Jacobeos', con traballos do profesor Manuel Cecilio Díaz y Díaz

A Universidade compostelá e o Consorcio de Santiago traballan de novo xuntos para sacar á luz Escritos Jacobeos, unha escolma de traballos do profesor Manuel Cecilio Díaz y Díaz (1924-2008) cuxo denominador común é a temática xacobea, a cidade de Santiago, o Apóstolo, o Camiño e os peregrinos. O volume presentouse este mércores no Paraninfo da Universidade nun acto no que interviñeron o reitor da USC, Juan Casares Long; o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; e os profesores José Manuel Díaz de Bustamante e José Andrade Cernadas. Asistiron ademais o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e os directores dos Servizos de Publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco e Juan Conde, respectivamente. Manuel Díaz foi amplamente recoñecido como estudoso da tradición textual latina, pero tamén foron numerosas as súas investigacións no campo da historia, especialmente na Idade Media. É neste contexto no que se enmarca esta nova publicación conxunta do Consorcio e da USC. Tratados con agudo espírito crítico, os artigos son minuciosos estudos sobre o Códice Calixtino, a historia compostelá, o Apóstolo Santiago, as peregrinacións ou a literatura xacobea, entre outros aspectos. Os escritos foron recollidos de diferentes publicacións, en especial a revista Compostellanum, e doutras como Grial e El Liceo Franciscano. Tamén hai textos procedentes das actas congresos celebrados en Santiago de Compostela, Ourense, Vigo, Oviedo, París, Pistoia e Perugia (Italia). O libro, que forma parte da Biblioteca Científica Compostelá do Consorcio, vén completar unha publicación anterior, de 1997, titulada De Santiago y de los Caminos de Santiago, e saca á luz escritos publicados con posterioridade a esta data e mesmo outros anteriores ata agora descoñecidos recompilados por antigos alumnos e compañeiros do profesor Díaz. O volume apóiase en imaxes moitas delas reproducións de gravados e xilografías do século XIX.