A Universidade de Santiago homenaxeou ao profesor Luis Concheiro

Con motivo da xubilación do catedrático de Medicina Legal da USC Luis Concheiro Carro a Universidade de Santiago, e máis particularmente as facultades de Medicina e Odontoloxía e de Dereito, rendeulle hoxe venres unha emotiva homenaxe. O catedrático estivo acompañado de numerosos amigos, familiares e colegas desta e doutras Universidades onde deixou a súa pegada académica e profesional. No acto, que se celebrou na Facultade de Medicina, interviñeron o propio profesor Concheiro; o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; os decanos de Medicina e Dereito, José María Fraga e Luis Míguez, respectivamente; o catedrático de Toxicoloxía, Manuel López-Rivadulla; o catedrático e director do Instituto de Ciencias Forenses da USC, Ángel Carracedo; e a directora do Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses, Angelines Cruz. Placa
Finalmente, os participantes sorprenderon ao homenaxeado co descubrimento dunha placa que de agora en adiante lle outorga ao Instituto de Medicina Legal da USC o nome ‘Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro’, tal e como aprobou recentemente o Consello de Goberno. Para o director do Instituto, Ángel Carracedo, esta nova denominación correspóndese mellor coa súa actividade, centrada hoxe na xenética e toxicoloxía forenses, á vez que se lle rende honra á figura do que fora o seu impulsor, o profesor Concheiro.