Ir o contido principal

A Universidade de Santiago participa no encontro internacional Galicia Biodays

Imaxe duin laboratorio de Farmacia da USC. Foto. santi Alvite
Imaxe duin laboratorio de Farmacia da USC. Foto. santi Alvite
A de Santiago mantén unha posición destacada no eido da biotecnoloxía, que exporá no marco deste encontro

A Universidade de Santiago, a través da Vicerreitoría de Política Científica e da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, terá esta semana unha presenza activa no evento internacional Galicia Biodays que se celebra no Auditorio Mar de Vigo.

Ademais de ser unha das patrocinadoras do encontro, a Universidade de Santiago participará cun posto de información e dez pósters de tecnoloxías desenvolvidas polos grupos de investigación da USC. Ademais, manterá reunións con inversores e empresas participantes para presentarlles tecnoloxías e proxectos nos que poidan ter potencial interese.

Así mesmo, está previstos tres relatorios de especialistas da USC para explicar distintos servizos que ofrece a institución. Intervirá Anxo Vidal Figueroa para falar do CEBEGA como centro ao servizo da investigación preclínica e a investigadora Ramón y Cajal no Departamento de Química analítica, nutrición e bromatoloxía Patricia López Sánchez explicará os servizos tecnolóxicos avanzados e a formación para o sector alimentario que ofrece a Aula de produtos lácteos e tecnoloxías alimentarias (APLTA). ‘Metabotech: servicios de CRO para investigación preclínica’ é a charla que dará Uxía Fernández Paz, unha das membros dese proxecto da USC.

Galicia Biodays é o foro de referencia da industria biotecnolóxica e das Ciencias da Vida do Espazo Atlántico Europeo que organiza Bioga. Ao longo dos días 12 e 13 de xuño este encontro internacional recibirá máis de 1.000 asistentes que participarán nos encontros programados para que os protagonistas do sector das ciencias da vida xeren negocios e desenvolvan novos proxectos.

Galicia é un dos territorios líderes en bioemprendemento, especialmente en áreas estratéxicas para a biotecnoloxía como desenvolvemento de fármacos, alimentación funcional, medicina personalizada ou recursos mariños. Cunha industria biotecnolóxica innovadora e punteira e empresas tractoras internacionais e innovadoras startups que desenvolven produtos e servizos de última xeración, Galicia é un escenario propicio para potenciar a xeración de novas innovacións e a posta en marcha de oportunidades empresariais.

O ecosistema galego está integrado por 160 compañías biotecnolóxicas, representadas a través do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, que rexistran unha facturación anual de máis de 1.400 millóns de euros, asumen cada ano un investimento en I+D superior aos 115 millóns de euros e xeran 5.600 empregos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2024.