A Universidade de Santiago, punto de encontro do Foro Mundial de Educación

Un Foro Mundial de Educación, Investigación e Cultura de Paz, tres congresos académicos, xuntanzas de alto nivel de Nacións Unidas e actividades artísticas e culturais. Todo dende hoxe e ata o 30 de decembro deste ano baixo o paraugas do Foro 2010, unha iniciativa promovida orixinalmente polo Seminario Galego de Educación para a Paz e pola Fundación Cultura de Paz e que conta, desde o seu inicio, co apoio de distintas organizacións e institucións, entre elas a Universidade de Santiago que servirá de acubillo á maior parte dos encontros. O reitor da USC Juan Casares Long presidiu este venres no Paraninfo da Universidade o acto inaugural do Foro no que, amenizado coa música de Susana Seivane, tamén participaron o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza; a directora xeral do Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, Laura seara; e o director xerente do xacobeo, Ignacio Santos. Na sesión, Casares aludiu a necesidade de establecer a cultura da xustiza e a paz que leva consigo implícitos o respecto polo dereitos individuais e colectivos. O Foro, engadiu o reitor compostelán, axudará a conseguir esta meta coas dúas ferramentas básicas coas que traballará, a memoria e a educación. Este sábado, Casares intervirá tamén na apertura da Reunión de Membros do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións e do Decenio da Cultura da Paz e a Non Violencia para todos os nenos e nenas do mundo que se desenvolverá ás 10:00 horas na Fundación Araguaney coa presenza de Federico Mayor Zaragoza, o alcalde da cidade e o secretario coordinador do Foro, Manuel Dios. Na clausura, ás 19:00 horas, está prevista a participación do xuíz Garzón. Outras citas Tamén no marco deste foro global se desenvolverá o Congreso Internacional sobre Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz, organizado polo grupo de investigación ’Nomes, voces’ do 13 ao 15 de decembro de 2010 na USC. Outras citas sinaladas serían o Congreso Internacional sobre Información e Dereitos Humanos do 7 ao 8 de decembro; o Congreso Internacional sobre o Dereito Humano á Paz, do 9 ao 10; ou o Foro Mundial de Educación Temático sobre ‘Educación, Investigación e Cultura de Paz’, do 10 ao 13.