Ir o contido principal

As Universidades da Eurorrexión colaboran nunha iniciativa que conxuga teatro e danza con tecnoloxía

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) será a responsable da coordinación artística dun innovador proxecto no que están implicadas as seis Universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Trás-os-Montes e Alto Douro, Porto e Minho- e que conta cunha subvención do Ministerio de Cultura. Ao estilo da ‘Opera oberta’ posta en marcha polo Liceo de Barcelona e o Teatro Real de Madrid, as institucións participantes neste proxecto eurorrexional realizarán os vindeiros meses de novembro e decembro espectáculos de danza e teatro que serán retransmitidos en directo a través de internet. Trátase de representar unha peza curta de danza distribuída e outra de teatro sobre as que se poderá interactuar. O traballo conxunto dos grupos de teatro e danza das Universidades e da Fundació i2cat e Kònic thtr, pioneiras no desenvolvemento de proxectos de innovación cultural e base tecnolóxica, desembocará tamén na realización de clases maxistrais orientadas á escena contemporánea e á incorporación das novas tecnoloxías en proxectos artísticos, nas que poderán participar ou seguir as materias gratuitamente todas as Universidades. Para a correcta xestión da parte técnica audiovisual do proxecto, a Fundación facilitará a formación de técnicos en cada Universidade ademais de manter encontros teóricos de intercambio e reflexión entre as entidades participantes para o desenvolvemento do proxecto creativo.

O obxectivo xeral do proxecto é introducir as novas tecnoloxías na creación artística para que sirvan tanto de elemento difusor como de facilitador da colaboración e creación conxunta. O CEER pretende, mediante esta nova vía, potenciar a Eurorrexión do Coñecemento, que busca establecer redes de colaboración entre as 6 Universidades públicas de Galicia e do Norte de Portugal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2010.