Ir o contido principal

As tres universidades galegas e a Valedora do Pobo premian os mellores traballos sobre igualdade

Cinthia Piñeiro, Ana Souto e Carmen Castrillo, gañadoras desta terceira edición dos premios. FOTO: UVigo
Cinthia Piñeiro, Ana Souto e Carmen Castrillo, gañadoras desta terceira edición dos premios. FOTO: UVigo
A terceira edición destes galardóns aos mellores TFG e TFM sobre dereitos das mulleres recoñece a Cinthia Piñeiro Acevedo e Carmen Castrillo Sotelo por dúas investigacións desenvolvidas na USC
Santiago de Compostela

Cinthia Piñeiro Acevedo e Carmen Castrillo Sotelo acaban de recoller os seus galardóns no marco da terceira edición dos Premios Valedora do Pobo aos mellores Traballo Fin de Grao (TFG) e Traballo Fin de Mestrado (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres. En concreto, Carmen Castrillo Sotelo e Cinthia Piñeiro Acevedo foron premiadas na modalidade de TFG. Na modalidade de TFM, distinguiuse a alumna da UDC, Ana Souto Mínguez.

A sesión desenvolveuse na sala de xuntas Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero da UVigo, e contou coa participación da delegada do reitor da USC para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro; da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; o reitor da UDC, Julio Abalde; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama. 

Deporte con perspectiva de xénero

‘Quen son elas? O deporte galego dende a perspectiva de xénero’ é o título do traballo presentado pola xornalista Cinthia Piñeiro, quen entrevistou a 11 deportistas coa vontade de dar visibilidade a figuras femininas que destacan en deportes minoritarios. “Eu son de Moraña, preto de Caldas de Reis, concello do que é orixinaria Antía García, campioa do mundo de Salvamento e Socorrismo. Ver a pouca repercusión mediática que se lle deu a toda unha campioa do mundo serviume de idea para abordar o deporte galego dende a perspectiva de xénero”, relata.

“Para min foi moi emocionante gañar este galardón”, engade. No traballo, ademais de entrevistar a mulleres sobranceiras do deporte galego como Lidia Parada, Ainhoa Lameiro ou a propia Antía García, Cinthia tamén realiza un percorrido histórico pola discriminación entre homes e mulleres no contexto deportivo. Para a autora, “dar voz” a estas deportistas resulta crucial á hora de incorporar a perspectiva de xénero neste eido.  

Xestación subrogada

O contrato asinado entre unha familia que desexa ter un fillo e unha persoa xestante a través dun ventre de alugueiro, ou cunha axencia que actúe de intermediaria, é o xerme do TFG da graduada en Dereito, Carmen Castrillo Sotelo. Baixo o título ‘A xestación por substitución no Dereito civil español: a aceptación tácita dos efectos dun contrato nulo’, a autora profunda neste tipo de contrato e conclúe que non ten cabida no ordenamento xurídico español porque “atenta contra a dignidade da persoa xestante, así como do menor que está a ser tratado como un obxecto contractual”.

Ademais, o estudo pon o foco en que esta é tamén unha “práctica discriminatoria con respecto ás familias que optan pola vía da adopción” xa que as persoas que teñen un fillo no estranxeiro por xestación subrogada logran legalizar a situación do menor en España a través da obtención dun permiso parental que acaba por convertelos en pais adoptivos sen ter que pasar por todo o proceso que atravesan as familias que optan de inicio pola vía adoptiva. “Creo que é un gran logro e para min supón un orgullo xa non só por tratarse dun premio outorgado pola Valedora, senón tamén porque se trata dun galardón que pon o foco na perspectiva de xénero”, conclúe a autora ao coñecer a concesión do premio.
 

De esquerda a dereita, Marta Pérez, Julio Abalde, Dolores Fernández, Mª Jesús Lorenzana e Mónica Valderrama. FOTO: UVigo
De esquerda a dereita, Marta Pérez, Julio Abalde, Dolores Fernández, Mª Jesús Lorenzana e Mónica Valderrama. FOTO: UVigo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2023.