Ir o contido principal

A USC actualiza a súa diagnose respecto da presenza de mulleres e homes na institución

Eva Aguayo e Benita Silva na presentación realizada este mércores na Sala de Prensa de Fonseca
Eva Aguayo e Benita Silva na presentación realizada este mércores na Sala de Prensa de Fonseca
O estudo realizado pola Oficina de Igualdade de Xénero rexistra avances aínda que persisten resistencias

A vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e a Oficina de Igualdade de Xénero acaban de facer pública a actualización do Diagnóstico de Igualdade na USC, unha panorámica sobre a presenza de mulleres e homes na institución académica. Algunhas das conclusións desta análise apuntan como trazos definitorios da institución o mantemento dunha fonda segregación vertical na carreira docente e investigadora, un equipo de goberno de distribución paritaria en canto a xénero ou a persistencia de estereotipos na escolla de certas carreiras. Segundo os datos presentados pola vicerreitora Benita Silva e a coordinadora da Oficina Eva Aguayo, o conxunto do Persoal de Administración e Servizos é o colectivo cun maior equilibrio de xénero, grupo no que as mulleres son maioría (57,91%), cunha crecente presenza feminina nas categorías máis altas, xa que no último lustro pasaron a ocupar a maioría do persoal dos grupos 1 e A1. No PDI, elas representan o 38,61% do cadro de persoal docente e investigador, “só 1,61 puntos máis que un lustro antes”, apuntaron na presentación para subliñar que a pesar de que a porcentaxe de catedráticas crece 4 puntos, alcanzan o 16,29% do total. O datos máis positivo é o avance, de 12 puntos (54%), entre o persoal contratado doutor. No alumnado, o 64,2% do estudantado de 1º e 2º ciclo e graos da USC son mulleres, aínda que persisten estereotipos sexistas na escolla de carreiras: as alumnas son ampla maioría nas vinculadas ao coidado das persoas. Como exemplo, Benita Silva e Eva Aguayo citaron a matrícula rexistrada en Enfermaría, onde as mulleres representan o 85%, ou en mestre en Educación Infantil onde os alumnos son o 10%. Segundo a diagnose realizada, os “clichés seguen afastando ás rapazas da informática, as enxeñarías técnicas ou o grao de Física”. A participación nos órganos de goberno e representación é outros dos apartados estudados. Os principais indicadores son a composición paritaria do equipo de goberno ou o crecemento na presenza de mulleres na composición dos equipos directivos dos centros –cunha porcentaxe do 39,5%-. Este avance non se reflicte na composición do Claustro (35,33% de mulleres claustrais) ou en Consello de Goberno (28,3%). Investigación e docencia O número de mulleres que coordinan grupos de investigación incrementouse dende 2006 en 9 puntos, ata o 33,24%, aínda por debaixo do seu peso no conxunto do PDI. Sobre a investigación específica de xénero, son polo menos 16 os grupos que desenvolven algunha liña de traballo que inclúe a perspectiva de xénero. Toda esta produción concéntrase maioritariamente en grupos de Ciencias Sociais e Xurídicas, por un de Ciencias da Saúde e outro de Humanidades. Na docencia, medra o número de materias que declaran ter incorporada a perspectiva de xénero. En tres anos pasouse de nove nas distintas licenciaturas a 118 nos graos. Nos másteres o avance é igualmente significativo, de 5 a 68. Metodoloxía Para a realización deste traballo realizouse unha análise cuantitativa e cualitativa na que se compara o primeiro diagnóstico (con datos de 2007) coa evolución nos seguintes anos ata 2010. Usouse información global de varios servizos da USC e a través de formularios deseñados pola OIX colectáronse respostas individuais do PDI e das persoas responsables de centros e departamentos para coñecer con detalle a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación. O futuro

Tras a conclusión do I Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC(2009-2011), a Oficina de Igualdade de Xénero realizou unha análise actualizada da USC en materia de igualdade, que agora ve a luz. Esta traballo completa a avaliación do I Plan Estratéxico e será unha ferramenta útil na definición do próximo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2012.