Ir o contido principal

A USC asesora a estudantes e titulados na procura de emprego a través de novos obradoiros

A Área de Orientación Laboral do Campus de Santiago continúa a impartir obradoiros sobre técnicas de busca de emprego pensados para facilitar o acceso ao mercado laboral dos titulados universitarios.

Os días 17 e 18 de novembro desenvolveranse as actividades 'A elaboración dun currículo eficaz' e 'A importancia da preparación das entrevistas de traballo', respectivamente. Estes cursiños, que se repetirán nos vindeiros meses enfocados especificamente a cada área de coñecemento, están dirixidos a estudantes de últimos cursos e titulados recentes en Ciencias Sociais: Pedagoxía, Psicoloxía, Psicopedagoxía, Educación Social, Traballo Social e Mestres/as das distintas especialidades. Os obradoiros, gratuítos, desenvolveranse en horario de 10:00 a 14:00 hoas nas instalacións do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua. Aquelas persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente na oficina da Área de Orientación Laboral no teléfono 881 812 850 ou a través do correo electrónico saeelabo [at] usc.es (saeelabo[at]usc[dot]es). Pódese consultar o calendario de obradoiros dirixidos ás diferentes titulacións no enlace da web da USC ao SAEE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2010.