Ir o contido principal

A USC e a Cámara de Comercio apostan pola implantación dun hub de innovación dixital na cidade

A xuntanza celebrouse nas instalacións da Cámara de Comercio. Foto: Vía Láctea
A xuntanza celebrouse nas instalacións da Cámara de Comercio. Foto: Vía Láctea
Constitúen un grupo de traballo conxunto para analizar, estudar e facer propostas conxuntas

A Axencia Galega de Innovación vén de convocar as bases reguladoras para a selección de proxectos dixitais que se enmarquen dentro do plan estratéxico para a especialización intelixente de Galicia. Ao abeiro desta convocatoria, a USC, a Cámara de Comercio e a Área Empresarial do Tambre xuntan as súas fortalezas para demandar a implantación dun hub de innovación dixital na cidade de Santiago. Este mércores 16 mantiveron unha xuntanza de traballo á que asistiron representantes das tres entidades. Pola Cámara estiveron o presidente, José Sierra, os vicepresidentes, José Luis Antuña e José Carballo; o membro do Pleno Xavier Freire; e a secretaria xeral, Rosa Cardeso; pola USC, o reitor Antonio López, o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzurri, e o xerente Xabier Ferreira; e polo Tambre, o vicepresidente, José Alborés.

Coincidiron na vontade de cooperar “activamente” arredor dun proxecto “vital para Santiago, que atraerá talento e investimento” e que suporá o recoñecemento por parte da Administración galega do seu carácter estratéxico. A este respecto, as tres entidades destacan polas súas alianzas estratéxicas cara á reindustrialización da cidade e comarca, nas que se veñen traballando en colaboración coa Xunta e o Concello. Neste senso a USC dispón de “cualificadísimos centros de investigación en numerosas disciplinas”, mentres que a Cámara e o Tambre representan o conxunto da actividade económica no seu ámbito territorial, “formado por un tecido empresarial dinámico e crecente, punteiro en varias das súas actividades”.

O reitor Antonio López destacou o potencial investigador da USC e deixou constancia de que a institución universitaria “seguirá apostando pola transferencia de coñecemento como xa levamos facendo 20 anos”. López lembrou a idoneidade da Universidade neste proxecto por ser unha institución convertida en referencia en materia de investigación e transferencia de resultados á sociedade.

Segundo o texto da Axencia Galega de Innovación, os hubs permiten agrupar, cohesionar e especializar os axentes do ecosistema de I+D+i nos ámbitos estratéxicos para Galicia, a través da xeración de dinámicas de colaboración público-privada abertas, intelixentes e áxiles. Son estruturas funcionais de soporte que permiten aliñar máis eficientemente o coñecemento coas necesidades do tecido empresarial e os mercados facilitando á industria, especialmente ás pemes, o acceso a diferentes servizos de innovación que permiten unha axeitada integración das tecnoloxías emerxentes na súa estratexia de negocio.

A xuntanza de hoxe serviu para sentar as bases desta nova “alianza estable” a favor dun proxecto que consideran “irrenunciable” para Santiago e concretar unha axenda de traballo técnico que comezará nas vindeiras datas. Neste marco, na reunión acordouse a creación dun grupo de traballo conxunto para realizar accións que favorezan o desenvolvemento da contorna nos eidos da tecnoloxía e da industria.

O proxecto do hub dixital “contribuirá a dinamizar o sector industrial de Santiago e comarca, cuxo peso sobre o PIB galego está moi afastado do obxectivo do 20% proposto para o conxunto da UE no ano 2020, e porque Santiago e a súa zona de influencia gañarán en competitividade, crearán emprego cualificado e captarán empresas, toda vez que o sector industrial é o principal demandante de innovación e desenvolvemento tecnolóxico”, segundo conclúen as tres entidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2019.