Ir o contido principal

A USC colabora na organización do I Congreso sobre Literatura e Violencia de Xénero

A través desta actividade a USC súmase a conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

A USC colabora coa organización do I Congreso sobre Literatura e Violencia de Xénero ‘De Miss Marphle a Lisbeth Salander’, sumándose así á conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Este congreso celebrarase en Santiago de Compostela 24 e 25 de novembro, para o que as persoas interesadas deberán formalizar a súa matrícula antes do 20 de novembro. Neste senso, o alumnado da USC que decida inscribirse poderá validar a súa asistencia ao congreso cun crédito de libre configuración. O programa arrancará cunha conferencia sobre a casuística e imaxinario da violencia contra as mulleres na literatura, para continuar cunha mesa redonda sobre a violencia de xénero na literatura galega e cun panel de intervencións sobre a percepción da violencia contra as mulleres no discurso literario masculino. Para pechar a primeira xornada proxectaranse diversas curtametraxes contra a violencia de xénero baixo o lema ‘O cine: un educador emocional na violencia de xénero?’. O mesmo 25 de novembro o congreso terá como actos centrais unha conferencia da escritora Ángeles Caso na que presentará as súas reflexións sobre os malos tratos na literatura e unha mesa redonda na que se analizará a postura de escritoras e escritores fronte á violencia de xénero. Nela participarán Susana Fortes, Lola López Mondéjar, Nativel Preciado e Javier Reverte. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á paxina web da Oficina de Igualdade de Xénero da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2010.