A USC convoca 33 Bolsas de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria
Por sétimo ano consecutivo, a USC convoca as Bolsas de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria para este curso, 26 no campus de Santiago e 7 no de Lugo. O prazo de solicitude permanece aberto ata o 8 de outubro. O obxectivo principal destas bolsas é a organización nas facultades e escolas universitarias de actividades relacionadas co medio ambiente e o desenvolvemento sostible. Ademais, os bolseiros colaborarán activamente na difusión destas e outras accións solidarias emprendidas dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria e dende a Oficina de Desenvolvemento Sostible. Quen desexe solicitalas deberá presentar as instancias e a documentación necesaria nalgún dos rexistros xerais da USC, dentro dos prazos sinalados na convocatoria. Na web da Oficina de Desenvolvemento Sostible poderase atopar dende o luns máis información sobre esta convocatoria e sobre os proxectos desenvolvidos nalgunha das edicións anteriores.
A iniciativa, dirixida aos estudantes da USC, está programada conxuntamente polo Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua e a Oficina de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade.