Ir o contido principal

A USC crea a Escola de Doutoramento Internacional da USC

Xorde da modificación e reestruturación da de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde

O Consello de Goberno aprobou a creación da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDI) que xurde da modificación e reestruturación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde. A EDI será a unidade encargada da organización dos estudos de doutoramento en todos os ámbitos de coñecemento, xa que nela integraranse todos os programas de doutoramento renovados consonte o Real Decreto 99/2011. A Escola de Doutoramento Internacional, ademais da planificación de actividades de formación e desenvolvemento dos doutorandos, traballará na promoción e divulgación da investigación e os estudos de doutoramento na sociedade así como no desenvolvemento de estratexias de fomento da colaboración intra e interuniversitaria, facendo especial fincapé na súa internacionalización. Con esta modificación e reestruturación da Escola preténdese, non só manter o liderado que a USC ostenta no ámbito das Ciencias da Saúde, senón tamén desenvolver estratexias de fomento da colaboración intrauniversitaria que posibiliten a integración, na medida do posible, doutros ámbitos temáticos no Campus Vida e impulsar a estratexia de doutoramento en todos os ámbitos de coñecemento da USC. Asemade, dende a Escola tamén se promoverá a visibilización da excelencia investigadora noutros ámbitos temáticos nos que a USC ten recoñecido liderado. Regulamento de intercambios A USC actualiza o regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes aprobado en 2008 para adaptalo á implantación dos graos e máster e as permanentes avaliacións do procedemento. Esta renovación pretende proporcionar unha información precisa e accesible aos estudantes e profesores que participan nos programas, facilitar o control de procedemento ao Servizo de Relacións Exteriores –servizo que centraliza a xestión dos programas de intercambio–, axilizar os procesos de selección e cualificación nos centros, informatizar todos os procedementos dos axentes implicados de cara a axilizar a certificación dos resultados dende e na USC, así como establecer indicadores para a avaliación da calidade do proceso. Outros asuntos

Na xuntanza do Consello de Goberno celebrada este venres, tratáronse ademais novas propostas de másteres universitarios para a súa implantación en 2013-2014, a participación da USC en empresas de base tecnolóxica ou a renovación da composición da Comisión de Resolución de Conflitos, entre outros asuntos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2012.