Ir o contido principal

A USC e a Fundación Barrié colaboran para mellorar a formación do profesorado na educación de alumnos e alumnas con altas capacidades

José María Arias e Juan Casares asinaron o convenio en San Xerome (Foto: SERVIMAV)
José María Arias e Juan Casares asinaron o convenio en San Xerome (Foto: SERVIMAV)

Un equipo da Universidade de Santiago dirixido pola profesora Carmen Pomar Tojo, do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, realizará un estudo para mellorar a formación do profesorado na educación de alumnos e alumnas con altas capacidades. O traballo é impulsado e financiado pola Fundación Barrié segundo anunciaron este luns o seu presidente, José María Arias Mosquera, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long. Trátase de deseñar un modelo de intervención propio para Galicia que mellore as habilidades do profesorado de primaria e secundaria na detección, comprensión e intervención no ámbito de altas capacidades en aras de cubrir unha serie de necesidades específicas que, segundo os especialistas, non están sendo cubertas na actualidade. O plan de traballo contempla ademais a revisión dalgunhas das mellores experiencias de formación que neste senso se están levando a cabo en universidades de Estados Unidos. Con este fin contémplase a posibilidade de enviar un investigador a universidades da Costa Este de EE.UU. —H arvard, Johns Hopkins, Connecticut e Virginia— para realizar un estudo de campo. A Fundación Barrié enmarca esta colaboración no seu esforzo no eido da Educación e a xestión do talento, que se traslada á sociedade a través de múltiples proxectos entre os que destacan accións de innovación educativa coma esta, dirixidas a mellorar as capacidades do profesorado.

A investigación, que deberá estar finalizada a comezos de novembro deste ano, levarase a cabo na Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Facultade de Psicoloxía que leva traballando case dúas décadas no ámbito da superdotación e o talento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2013.