A USC implícase na recuperación do mexillón de río e da toupa de auga no Ulla
A Universidade de Santiago participa nun programa de recuperación das poboacións de mexillón de río (Margaritífera margaritífera) e do auganeiro (Galemys pyrenaicus) na conca do río Ulla. O proxecto foi bautizado como Margal Ulla e conta co apoio económico da Unión Europea a través do instrumento financeiro da liña ‘Life’. A USC traballa neste ámbito coordinada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza e xunto con Augas de Galicia. O proxecto no que investigadores e docentes da USC xa levan uns meses traballando, e que se prolongará deica finais do 2015, foi presentado este xoves no Pazo de Congresos de Santiago nun acto no que participaron, por parte da institución académica, varios membros do Margal Ulla, así como o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil. Nesta presentación tamén interveu María Paz Ondina, profesora do departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da USC no Campus de Lugo, en calidade de coordinadora dun dos grupos que desenvolverá accións dende a USC para a conservación da náiade de río. Obxectivo A finalidade do proxecto Life Margal Ulla é contribuír á mellora do estado de conservación das especies sinaladas, asegurando as poboacións existentes no Ulla e establecendo as condicións máis óptimas para a recuperación das orixinais. Para isto levaranse a cabo varias accións sobre unha área importante desta conca fluvial, nun primeiro momento para obter máis información sobre o estado actual de conservación de Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus. Posteriormente, este coñecemento levará a establecer medidas eficaces de mellora do estado de conservación da náiade de río e do auganeiro, pero tamén do seu hábitat e deseñaranse estratexias de sensibilización de cara á poboación. A divulgación dos resultados do proxecto está encamiñada, por outra parte, a servir como base para estender as medidas establecidas a outros ríos galegos e europeos onde aínda perviven con moito perigo estes seres vivos. Trátase da primeira ocasión na que se considera de maneira conxunta a conservación destas dúas especies intervindo esencialmente na mellora do hábitat no que se desenvolven. Por outra banda, é tamén a primeira ocasión na que se busca a rexeneración da poboación de mexillón de río en condicións seminaturais e controladas en España. A náiade e a toupa de auga son especies que requiren medios fluviais cunha boa calidade ecolóxica, polo que o perigo no que se atopan responde precisamente ás graves presións que están a experimentar os medios fluviais. Isto explica que as medidas previstas, e nas que participa activamente a USC, están destinadas á recuperación da funcionalidade natural dos ríos para favorecer a conservación da biodiversidade que lles é propia. Medidas concretas e accións da USC Como obxectivos específicos búscanse, entre outros, mellorar aqueles elementos do hábitat identificados como factores de declive de ambas especies; promover a dinámica natural das poboacións de peixes hóspede do mexillón de río e favorecer a conectividade dos núcleos poboacionais de auganeiro, con medidas para recuperar a hidromorfoloxía en áreas do río Ulla afectadas por presas e reducións de caudal e mellorar o estado de conservación do bosque de ribeira nesta conca fluvial. Entre os resultados agardados atópase o coñecemento profundo do estado de conservación de ambas especies, dos seus hábitats e dos principais factores de ameaza. O grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (COPEMOL) que traballa coordinado pola investigadora María Paz Ondina dende o Campus de Lugo conta con integrantes dos departamentos de Xenética ( Carmen Baza, Eduardo San Miguel e Rafaela Amaro) e de Zooloxía ( Ondina, Adolfo Outeiro, Sabela Lois e Ramón Mascato). Este equipo está implicado nas accións de realización dun inventario detallado das poboacións de Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus no Ulla, e na de definir unidades de xestión para a náiade e selección de reprodutores para o plan de conservación ex situ. Por outra banda, ocuparanse na recuperación da dinámica fluvial e adecuación de zonas de cría para M. margaritifera, a través do aproveitamento de construcións tradicionais, canles de muíños ou zonas naturais, entre outros. Por outra banda, e coordinado dende a Facultade de Química polo profesor Juan Manuel Antelo, o departamento de Química Física traballará en varias accións do proxecto Margal Ulla. O seu cometido será o de realizar un estudo de calidade do hábitat destas especies dende o punto de vista das condicións hidromorfolóxicas, características físico-químicas dos substratos e características da calidade da auga. Ademais, o grupo dirixido por Juan Manuel Antelo e integrado por Florencio Arce, Sarah Fiol, Cristina Pastoriza e Lucía Durán, encargarase do plan de seguimento e vixilancia ambiental. O seu cometido nesta acción será o de controlar o efecto das actuacións levadas a cabo dentro do proxecto e farano con controis de calidade do hábitat na áreas de cría de mexillón de río e controis de calidade das medidas adoptadas a través de estudos químicos e biolóxicos. A especie de náiade de río nunha imaxe subacuática. Foto: Copemol