Ir o contido principal

A USC inicia a execución do seus orzamentos 2019, co lema ‘Investindo nun futuro sustentable’

A USC inicia a execución do seus orzamentos 2019, co lema ‘Investindo nun futuro sustentable’
A USC inicia a execución do seus orzamentos 2019, co lema ‘Investindo nun futuro sustentable’
Entre as primeiras actuacións para 2019 figuran a elaboración de plans de investimentos en infraestruturas e de recursos humanos

Nos tres primeiros meses do ano, a USC contará cun plan de investimentos en infraestruturas e outro no ámbito dos recursos humanos que dará resposta ás liñas xerais aprobados polo Claustro o pasado decembro. O seu desenvolvemento marca o inicio da execución das partidas orzamentarias da USC para 2019, cuxo lema é ‘Investindo nun futuro sustentable’.

No relativo á xestión da infraestruturas, os novos orzamentos establecen un “substancial incremento” con respecto ao ano anterior dos recursos destinados a obras de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM), cun aumento en números absolutos de 800.000 euros destinados a este tipo de actuacións no caso dos centros. As contas universitarias avogan por un proceso de descentralización que dote de autonomía aos centros, de xeito que poderán aplicar o seu coñecemento das necesidades e melloras no referente ás infraestruturas na xestión dos fondos RAM.

Nesta liña, tamén se considera oportuna a revisión dos criterios de reparto no primeiro bimestre do ano, “introducindo mecanismos sinxelos que faciliten a determinación das contías para este e próximos orzamentos”. Mentres non se adopten estes novos criterios, as contas da USC recollen a distribución inicial de crédito por un importe equivalente ao 50% do ano 2018.

Similar referencia se seguirá nos recursos reservados para gastos ordinarios de departamentos e centros aos que, seguindo o “principio de descentralización progresiva do gasto”, se incrementará un 50% a súa partida orzamentaria, aumentando este capítulo en 50.000 euros. O documento orzamentaria sinala igualmente que na elaboración dos próximos orzamentos, os departamentos recibirán o mesmo tratamento que as outras estruturas organizativas contempladas nos Estatutos.

TIC ao servizo da comunidade
A mellora de infraestruturas TIC destinadas á prestación de servizos específicos para alumnado e persoal universitario está dotada nas contas da USC para 2019 cunha achega de preto de 400.000 euros. No ámbito da administración, dedicarase unha liña específica ao alumnado co obxectivo de mellorar as ferramentas informáticas de tramitación dos procedementos por medios electrónicos sen requirir atención presencial. Tamén está previsto avanzar na automatización dos procesos para reducir os recursos administrativos dedicados á súa xestión, cun investimento estimado en 210.500 euros.

En relación co apoio á docencia e á investigación, potenciarase a autonomía de alumnado e profesorado no uso dos recursos tecnolóxicos necesarios para impartir as clases prácticas. Durante o ano 2019 comezará a prestarse un novo servizo para a creación de laboratorios de prácticas na nube, que poderán deseñarse á medida para cada materia, a demanda do profesorado, e usarse en calquera localización que dispoña de conexión a Internet cun investimento de 40.000 euros.

Igualmente introducirase unha nova organización da actividade da área TIC centrada na prestación de servizos ao alumnado, profesorado e PAS, orientada á satisfacción das necesidades percibidas polos usuarios e usuarias. Aumentarase o uso de recursos na nube e promoverase un novo modelo de adquisición de hardware e servizos para os centros, departamentos e unidades administrativas. A esta liña de traballo destinaranse 131.400 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2019.