Ir o contido principal

A USC inicia coa física Lisa Randall os actos de conmemoración dos 100 anos da Teoría Xeral da Relatividade

A profesora da Universidade de Harvard foi elixida por Time como unha das cen figuras máis influentes no eido de ‘Científicos e Pensadores’ (Foto: SERVIMAV-USC)
A profesora da Universidade de Harvard foi elixida por Time como unha das cen figuras máis influentes no eido de ‘Científicos e Pensadores’ (Foto: SERVIMAV-USC)
A profesora da Universidade de Harvard foi elixida por Time como unha das cen figuras máis influentes no eido de ‘Científicos e Pensadores’

Lisa Randall, a primeira muller en ocupar un posto no departamento de física da Universidade de Princeton e tamén a primeira física teórica no MIT e na Universidade de Harvard, atópase esta semana en Santiago para inaugurar os actos de conmemoración dos 100 anos da Teoría Xeral da Relatividade que organiza a Facultade compostelá de Física e nomeadamente os profesores Jorge Mira e Jose Edelstein. Randall, que manterá durante toda a semana encontros con persoal investigador do centro universitario, foi elixida por Time entre as cen figuras máis influentes no eido de ‘Científicos e Pensadores’. Hai quince anos publicou, xunto con Raman Sundrum, dous artigos nos que por primeira vez se poñía enriba da mesa a posibilidade de que no espazo no que vivimos existan outras dimensións adicionais, extras. Precisamente sobre esa cuestión falará este mércores 1 de xullo no acto central da súa visita. A científica estadounidense pronunciará ás 20.15 horas no Centro de Innovación Cultural (CINC) do Gaiás a conferencia ‘Universos ocultos: unha viaxe ás dimensións extras do cosmos’. Previo á súa intervención, os profesores da USC Javier Mas Solé e José Edelstein introducirán a xornada coas charlas ‘Da mazá ao burato de verme: cen anos de Relatividade Xeral’ e ‘O universo de Einstein: do Big Bang aos buratos negros’, respectivamente. A asistencia á conferencia é libre e de balde ata completar aforo. Os asistentes disporán, ademais, de aparatos de tradución. Lisa Randall acompañada dos profesores da USC Jose Edelstein e Jorge Mira (Foto: SERVIMAV-USC)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2015.