A USC integrará ao Centro de Estudos Rurais e de Agricultura Internacional na EPS
A Escola Politécnica Superior de Lugo dará cabida nas súas instalacións á ONG Centro de Estudios Rurales y Agricultura Internacional (CERAI) co fin de colaborar en actividades que teñan un punto de encontro entre o ámbito de traballo da EPS e da Universidade en xeral e co servizo de voluntariado universitario.
Para facer efectiva a integración do CERAI na USC, este luns 22 terá lugar ás 12.00 horas na Politécnica un acto no que intervirán o director da EPS, Javier Bueno; o subdirector do centro, Emilio Carral; a responsable do Servizo de Participación e integración da USC en Lugo, Fátima Teixeiro; o presidente de Cerai, Jose Luis Porcuna, e a representante da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, María del Carmen Jaizme. Posteriormente desenvolverase no mesmo centro do campus lugués a Xornada de Cooperación sobre ‘ A Ecoloxía como Estratexia de Cooperación ao Desenvolvemento’, que será impartida polo presidente do CERAI, quen tamén se encargará de presentar o primeiro Curso de Agroecoloxía e Cooperación Internacional e Desenvolvemento Rural. A mencionada actividade formativa está dirixida a licenciados, técnicos e estudantes de últimos cursos que desexen formarse na práctica agroecolóxica aplicada á cooperación e ao desenvolvemento.Toda a comunidade universitaria está convidada tanto ao acto formal como á posterior conferencia. Punto de encontro CERAI é unha Organización Non Gubernamental especializada no desenvolvemento rural e pesqueiro sustentable baixo o enfoque da soberanía alimentaria. O seu cometido realízase a través da reflexión crítica sobre a situación actual da agricultura e do medio rural, a posta en marcha de programas de cooperación e formación especializada ou a sensibilización tanto en países desenvolvidos como no terceiro mundo. A aposta pola investigación no sector é outra das cartas de presentación desta entidade, algo no que conflúe directamente co traballo que se desenvolve fundamentalmente dende as titulacións do Campus de Lugo. Por outra parte, a área de Voluntariado e Participación da USC é a encargada de coordinar a acción directa dos membros da comunidade universitaria interesados en actividades de voluntariado.