Ir o contido principal

A USC medirá para a Fundación Inade a presenza do seguro nas empresas galegas

A USC medirá para a Fundación Inade a presenza do seguro nas empresas galegas
A USC medirá para a Fundación Inade a presenza do seguro nas empresas galegas
Ambas institucións formalizaron un convenio marco e un contrato de asesoramento e asistencia técnica

A elaboración do informe ‘Xestión de riscos e seguros na empresa galega’ será o primeiro cometido que se desenvolverá dentro do convenio marco de colaboración asinado este luns 2 de xuño entre o reitor da USC, Juan Casares, e o presidente do Padroado da Fundación Inade-Instituto Atlántico do Seguro, Antonio Cobián Varela. Un equipo supervisado polo profesor Luis Otero González, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, encargarase de elaborar este informe que medirá a presenza do seguro nas empresas galegas, ante a inexistencia de estatísticas que permitan plasmar a utilización do seguro por parte do empresariado como ferramenta de protección ante os riscos aos que se enfrontan no desenvolvemento da súa actividade. O traballo do equipo desenvolverase ao longo dos próximo nove meses e acometerao o grupo de investigación VALFINAP de VALoración FINanceira Aplicada. O plan de traballo para a elaboración do informa contempla unha análise do sector empresarial non financeiro, a identificación dos riscos que afectan ás empresas, a organización que actualmente adoptan as sociedades fronte aos seus riscos, a determinación do nivel de exposición a estes e o impacto da xestión do risco no valor da empresa. Este informe forma parte dun dos acordos tomados no marco do Plan Ges-Galicia (Generando Empresas Más Seguras) e aprobado, á súa vez, polo consello asesora do Padroado da Fundación INADE. O plan GES-Galicia ten como obxectivo corrixir as deficiencias do tecido empresarial galego en materia de xerencia de riscos e de cultura aseguradora. Convenio marco Este contrato de asesoramento e asistencia técnica representa a primeira actividade incluída no convenio marco tamén asinado este luns en San Xerome e que regula o desenvolvemento conxunto de actividades culturais, científicas, pedagóxicas ou de investigacións que ambas institucións estean interesadas en abordar de xeito conxunto. Así, a Fundación e a USC manifestan o seu interese de colaborar na execución de proxectos e programas de I+D e de formación de persoal investigador e técnico, así como en labores de asesoramento mutuo, no intercambio de persoal ou no desenvolvemento dos actos do Día Mundial do Seguro. A vixencia inicial deste convenio será de dous anos. O principal cometido de INADE é o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva a través do coñecemento nas materias de xerencia de riscos e o seguro. Ao acto protocolario de sinatura asistiron representantes do Fundación Inade así como o presidente da Conferderación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2014.