Ir o contido principal

A USC oferta 19 prazas de persoal investigador Ramón y Cajal, que se incorporarán este ano

A USC oferta 19 prazas de persoal investigador Ramón y Cajal, que se incorporarán este ano
A USC oferta 19 prazas de persoal investigador Ramón y Cajal, que se incorporarán este ano

Na consideración de que a USC necesita conformar a curto e medio prazo un cadro de persoal docente e investigador que permita responder axeitadamente tanto ao importante relevo xeracional que afronta a institución como aos retos académicos e investigadores que demanda o futuro, a institución compostelá ofertará este curso un total de 19 prazas Ramón y Cajal (RyC), unha por cada unha das áreas temáticas que contempla a convocatoria actual.

O programa Ramón y Cajal ten como obxecto promover a incorporación de persoal investigador, español e estranxeiro, cunha traxectoria destacada en centros de I+D mediante a concesión de axudas dunha duración de cinco anos para a súa contratación laboral e un financiamento adicional para a execución da actividade de investigación que realice. Neste senso, a USC comprométese a crear unha praza de profesor titular de Universidade no ámbito de coñecemento de cada unha das axudas ao rematar o contrato do RyC.

Os criterios de selección do programa foron aprobados polo Consello de Goberno universitario da USC, que incorporará estes investigadores en 2019 adscribíndoos a áreas de coñecemento sempre en función das necesidades docentes estruturais no horizonte dos vindeiros cinco anos. Así, con carácter xeral, e dentro de cada área temática, a adscrición ás áreas de coñecemento priorizará, en orde de importancia, non ter captado previamente ningún RyC, ter un menor número de RyC activos e un maior déficit docente estrutural. Ademais, non poderá producirse unha segunda incorporación na mesma área sen que exista unha primeira en todas as áreas con candidato posible.

Incorporación tras tratamento oncolóxico Tamén na sesión de hoxe, o Consello de Goberno aprobou un acordo que permitirá a incorporación progresiva ao seu posto de traballo do persoal funcional e laboral da USC logo de finalizaren un tratamento oncolóxico. Esta adaptación poderá estenderse ata un mes desde a alta médica e poderá afectar ata un 25 % da súa actividade profesional no caso do PDI ou un 25% da duración da xornada diaria, no caso do PAS.

Con carácter excepcional, esta adaptación de xornada poderá solicitarse tamén en procesos de recuperación doutros tratamentos ou doenzas de especial gravidade.

Outros asuntos A xuntanza deste venres do órgano de goberno da USC tratou, entre outros moitos asuntos, os criterios para a presentación de novas propostas e modificacións de títulos de grao, mestrado e programas de doutoramento para implantar no curso 2020-2021 así como o acordo sobre a xornada de traballo do persoal empregado público da USC, que queda establecida en 35 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2019.