Ir o contido principal

A USC organiza en Mozambique un encontro sobre a acuicultura rural como opción para a loita contra a pobreza en África

Unha das reunión de traballo do workshop 'Avaliación do impacto da acuicultura no desenvolvemento rural e a loita contra a fame en África'
Unha das reunión de traballo do workshop 'Avaliación do impacto da acuicultura no desenvolvemento rural e a loita contra a fame en África'
O foro está coordinado polo profesor Sebastián Villasante e busca sentar as bases para a creación de proxectos acuícolas en zonas costeiras de varios países africanos

Entre os días 24 e 27 de outubro a capital mozambicana, Maputo, está a ser a sede do workshop 'Avaliación do impacto da acuicultura no desenvolvemento rural e a loita contra a fame en África', coordinado polo profesor e investigador da USC Pablo Villasante, e en cuxa organización participan outras institucións e entidades como a Fundación Observatorio Español da Acuicultura (OESA), o Centro tecnolóxico do Mar (CETMAR), o Instituto de Estudios del Hambre, o Bejier Institute of Ecological Economics (Suecia) e a Axencia Española de Cooperación Internacional, esta última en calidade de socio financiador. No encontro toman parte, ademais de membros das entidades organizadoras, expertos da FAO e responsables das políticas de seguridade alimentaria de Angola, Mozambique e Namibia. Sebastián Villasante explica o obxectivo común dos socios: "A acuicultura de pequena escala desempeña un papel moi importante no fornecemento de alimentos e de rendementos en moitos países en vías de desenvolvemento. A súa contribución aos rendementos familiares, á equidade social e á mellora dos medios de subsistencia das comunidades está amplamente recoñecida pola comunidade científica, e as comunidades costeiras de África non deberían ser unha excepción no aproveitamento destes recursos". Os organizadores destacan tamén as vías a través das que a acuicultura colabora na redución da pobreza: os beneficios nutricionais do consumo de peixe, os rendementos do sector, os efectos multiplicadores e secundarios nas rexións costeiras e a xeración de rendementos a través das exportacións, impostos e licenzas. A idea a longo prazo é poñer en marcha proxectos reais nos que se concreten todos estes beneficios para as comunidades costeiras susceptibles de crear iniciativas neste ámbito. Con ese obxectivo, os socios do proxecto centran os seus esforzos na avaliación e revisión do impacto social e económico da acuicultura de pequena escala na mitigación da pobreza e na seguridade alimentaria, a definición e desenvolvemento de indicadores para medir a influencia ambiental, social e económica desta actividade e na coordinación dos traballos de investigadores, responsables políticos e comunidades para definir as políticas de desenvolvemento no ámbito da acuicultura nestes países africanos. "O proxecto axudará a crear novos modelos de xestión sustentable para a acuicultura rural, coa participación de todos os interesados mediante a promoción de prácticas de cooperación colectivas. Ademais, permitirá o desenvolvemento de fórmulas de aprendizaxe mutua entre as prácticas locais dos diferentes países", asegura Villasante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2012.