A USC recibe aos novos participantes dos Campus Científicos de Verán

Estudantes españois de 1º de bacharelato e 4º de ESO asisten este mes na Universidade de Santiago aos Campus Científicos de Verán 2010. Os 25 primeiros celebraron este venres a súa última sesión no Centro de Estudos Avanzados coa presentación pública dos traballos de investigación nos que colaboraron. Os que intervirán na segunda quenda destes campus científicos, todos de 4º de ESO, chegan a Santiago esta fin de semana. Está previsto un acto de acollida e presentación o luns, 19 de xullo, ás 10:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Son catro os proxectos de investigación que a Universidade de Santiago ofrece nesta ocasión: ‘ Sistema de tratamento para eliminar o contaminación das augas residuais’, dirixido por Gumersindo Feijooo Costa; ‘Investigación en Ciencias Matemáticas’, de M. Victoria Otero Espinar; ‘Enfermidades dexenerativas. Do laboratorio á clínica’, de José Luis Relova Quinteiro; e ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’, liderado por Juan José Torres Labandeira. Outras actividades Ademais de participar nestes proxectos os estudantes teñen ocasión de escoitar a profesores da USC en varias charlas. Así, participan Ángel Carracedo con charlas sobre o xenoma humano, o profesor Enrique Macías Virgós sobre as matemáticas e Jorge Mira sobre a distancia que nos separa do firmamento. O programa inclúe tamén actividades lúdico-deportivas como visitas guiadas, roteiros ou excursións.
A iniciativa desenvólvese paralelamente nos institutos e departamentos de investigación adscritos aos Campus de Excelencia Internacional das cidades de Madrid, Barcelona, Santander, Santiago de Compostela, Córdoba e Oviedo.
Os estudantes presentaron publicamente os traballos de investigación nos que colaboraron