A USC recoñece o esforzo do mellor estudantado galego

O Auditorio de Galicia encheuse este martes para recibir o mellor estudantado galego de Bacharelato no acto que cada ano organiza a Universidade de Santiago en recoñecemento do esforzo dos que acadaron unha puntuación definitiva de 9 ou superior na parte xeral da última convocatoria de selectividade. Nesta ocasión chegaron a esa nota un total de 517 estudantes –205 homes e 312 mulleres–, que acudiron acompañados dos seus familiares e representantes dos 175 centros nos que cursaron os seus estudos. Por provincias, 210 son da Coruña, 180 de Pontevedra, 71 de Lugo e 56 de Ourense. O acto, ao que asistiron máis de 1.500 persoas, estivo presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, que quixo compartir o éxito do estudantado coas súas familias, “responsables de que atopasen a mellor contorna para que o seu rendemento académico fose de sobresaliente”. Pero tamén apelou á responsabilidade dos alumnos e alumnas homenaxeados. “En Galicia precisamos que xente coma vós, dotados cunha intelixencia especial e cunha alta capacidade de traballo, resolva os problemas importantes que temos diante de nós”, afirmou. No seu discurso animounos a que se decidan a emprender a carreira universitaria, “unha formación que é unha combinación máxica entre a aprendizaxe de contidos técnicos e de vivencias que forman a personalidade”. “Elixades o que elixades –díxolles–, ides atopar ofertas académicas moi atractivas e novidosas; dende Ciencias da Cultura ou Enxeñaría Informática ata dous títulos en simultáneo coma Física e Matemáticas ou Bioloxía e Química, novos itinerarios que satisfarán os desexos dos estudantes brillantes coma vós pero que ademais permitirán formar a profesionais interdisciplinares para a sociedade do presente e do futuro”. Interviñeron no acto ademais o alumno Diego Mojón Álvarez do IES Carlos Casares de Vigo, que obtivo a maior cualificación (9,926); a profesora Mónica Mariño Callejo, directora do IES Alfredo Brañas de Carballo; e o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega Sánchez. Foto: Servimav-USC Foto: Servimav-USC Foto: Servimav-USC