A USC recupera a subscrición á base de datos Scopus de recursos bibliográficos
A USC recupera a subscrición electrónica a Scopus, base de datos de referencias bibliográficas e citas da empresa Elsevier que proporciona unha visión xeral completa da produción mundial de investigación nos campos da ciencia, tecnoloxía, ciencias sociais e artes e humanidades. A súa contratación, suspendida dende o ano 2010 enmárcase no proceso e racionalización dos fondos destinados a recursos bibliográficos, avaliando a utilidade, interese, uso potencial e custe de recursos considerados esenciais para o persoal docente e investigador. Scopus ofrece acceso a 21.000 títulos de máis de 5.000 editoriais internacionais e a 20.000 revistas revisadas por pares, incluíndo 2.600 revistas de acceso aberto. Tamén se inclúen 390 publicacións comerciais, 370 series de libros e 5,5 millóns de relatorios ademais de artigos en prensa de máis de 3.850 revistas e editoriais. Con referencias citadas dende 1996, a base de datos contén 29 millóns de rexistros, incluíndo referencias, así como 21 millóns de rexistros anteriores a 1996 e que se remontan ata 1823 e 25,5 millóns de patentes ou 75.000 títulos de libros que comezou a indizar no seu programa ‘Book titles expansion’. O acceso atópase nas bases de datos de reBUSCa (recursos electrónicos da BUSC). A decisión de retomar a subscrición de Scopus enlaza co obxectivo que dentro da Programación Plurianual 2015-2018 da USC no ámbito da investigación sinalaba a necesidade de mellorar a produción e a produtividade científica “ proporcionando novos xeitos de organización dos sistemas e dos protocolos, aumentando o apoio administrativo a persoal investigador e mellorando os servizos xerais á comunidade universitaria”.