A USC reúne en Lugo preto dun centenar de investigadores de dendrocronoloxía de 25 países no congreso ‘Eurodendro 2014’
O congreso Eurodendro 2014, coordinado polo profesor do Departamento de Botánica da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo, Ignacio García González, reúne desde hoxe ata o xoves 12 de setembro na capital luguesa preto dun centenar de investigadores procedentes de 25 países, na súa maioría de Europa, pero tamén de Estados Unidos, India ou, entre outros, Canadá.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, inaugurou este martes a celebración dun foro que por vez primeira chega a Lugo da man da USC no marco dun acto no que tamén interviñeron o alcalde de Lugo, José López Orozco; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e o responsable da organización do congreso, o profesor Ignacio García González. O programa do congreso, que inclúe varias sesións que versarán principalmente sobre dendrocronoloxía histórica, ecoloxía forestal, reconstrución do clima ou formación da estrutura celular da madeira, contempla asemade unha excursión pola costa Norte de Galicia, unha viaxe que terá lugar este mércores 10 de setembro e que, entre outros destinos, levará os congresistas ata A Mariña luguesa logo de visitar o Castro de Viladonga e o seu museo. As presentacións e posteriores debates das preto de 50 comunicacións orais presentadas a esta edición do congreso internacional de dendrocronoloxía, unha disciplina científica que se basea no estudo da información contida nos aneis de crecemento das árbores, desenvolveranse nas sesións programadas este martes e tamén o xoves no salón de actos da Deputación de Lugo, que será a sede da convención. Respecto da temática deste foro internacional, o coordinador o congreso, o profesor da Escola Politécnica Superior e director do grupo de investigación de dendrocronoloxía da USC, Ignacio García González, salientou a amplitude e diversidade temática deste congreso, aínda que fixo especial fincapé no estudo das técnicas que posibilitan o coñecemento do proceso de formación celular da madeira en cada momento, un asunto sobre o que tratarán oito intervencións. A difusión da dendrocronoloxía, unha disciplina científica non demasiado estendida e as múltiples aplicacións que posibilita a información que posibilita coñecer esta ciencia, tanto no ámbito da historia, como da arqueoloxía e mesmo nos eidos agroforestal e das enxeñarías, constitúe outro dos cometidos deste congreso, no marco do que xa se celebraron o domingo diversas accións divulgativas na Praza Maior de Lugo. As aplicacións da dendrocronoloxía abarcan espazos moi diversos, que van desde a reconstrución do clima pasado á investigación histórica e a datación de xacementos. O estudo das dinámicas forestais e do seu comportamento, así como dos aproveitamentos forestais ante casos de incendios, pragas, claras... son outros dos eidos de aplicación da dendrocronoloxía, sinalou o profesor Ignacio García. Grupo de Dendroconoloxía da USC O grupo de dendroconoloxía da USC que dirixe o profesor Ignacio García González é un equipo emerxente cuxa línea de traballo principal nos últimos anos ten sido o estudo do sinal ecolóxico que rexistran os bosques de frondosas en Galicia na cordilleira Cantábrica, coñecer e estudar a incidencia do clima na formación da madeira. O grupo de dendrocronoloxía da USC forma parte nestas liñas de traballo do programa europeo ‘ STReESS COST Action’, orientado á comprensión do efecto do estres nos bosques europeos. Asemade, o equipo coordinado polo profesor Ignacio García González tamén participa desde este ano no proxecto europeo ForSEAdiscovery, un programa que abrangue o estudo dos barcos de madeira durante a expansión dos imperios ibéricos. Os resultados dos traballos realizados neste campo de traballo permitirán dar un maior relevancia ao rico patrimonio arqueolóxico submarino que se atopan nas costas do litoral galego e español. Asisentes ao congreso, no salón de actos da Deputación de Lugo