Ir o contido principal

A USC sitúase sétima de España pola calidade docente e a produción investigadora

A USC sitúase sétima de España pola calidade docente e a produción investigadora
A USC sitúase sétima de España pola calidade docente e a produción investigadora
Segundo os datos do Center for World University Rankings (CWUR) que a posiciona no posto 363 de entre mil universidades de todo o mundo

A Universidade de Santiago sitúase como a sétima de toda España na edición 2015 do Center for World University Rankings (CWUR). Esta clasificación preséntase como o “único ránking universitario mundial que mide a calidade da educación e a formación do estudantado, así como o prestixio dos membros da facultade e a calidade das súas investigacións sen depender das enquisas e a presentación de datos por parte de cada universidade”. Xa nunha perspectiva internacional, a USC ascende ao posto 363 dunha relación na que se inclúen un total de 1.000 institucións de todo o mundo. Para a súa clasificación utilizáronse oito indicadores que avalían a cada Universidade pola calidade da educación, empregabilidade do alumnado, calidade das facultades, publicacións, influencia, índice de citacións, impacto e solicitude de patentes internacionais. O maior peso recae nos tres primeiro aspectos, cun 25% da ponderación da nota final final para cada un destes indicadores. Así, para avaliar a calidade da educación tense en conta o número de alumnos universitarios recoñecidos con premios internacionais, mentres que no relativo á taxa de empregabilidade o ránking toma como referencia o número de ex alumnos de cada Universidade que acadaron posicións como directivos nas principais compañías mundiais. Finalmente, para a calidade das facultades tomaron en consideración os premios acadados polos persoal docente e investigador. A menor porcentaxe da nota final, o 25%, está repartido entre o número de artigos publicados en revistas especializadas (5%), aqueles publicados en revistas de alto impacto (5%), o número de traballos altamente citados (5%), o índice h de cada Universidade (5%) e o número de solicitudes de patentes internacionais (5%). A Universidade de Santiago acada as súas mellor cualificacións no apartado relativo a patentes (126 do mundo), calidade das súas facultades (218), índice de citacións (287) ou impacto da produción científica (373). Das españolas, preceden á compostelá as universidades de Barcelona, Complutense de Madrid, Autónoma de Barcelona, Valencia, Autónoma de Madrid e Navarra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2015.