Ir o contido principal

Uxía e Narf interpretan este xoves os temas de ‘Baladas da Galiza imaxinaria’ na Praza de Santa María no ciclo ‘Lubicán 2016’

Uxía e Narf
Uxía e Narf
O concerto, que se trasladará ao Círculo de las Artes en caso de choiva, comezará ás 21.00 horas. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado

Uxía e Narf, dous dos artistas máis influentes da actual música galega e que máis pontes tenderon con creadores doutras partes do mundo, en especial cos países de lingua portuguesa, presentan este xoves, a partir das 21.00 horas, na Praza de Santa María de Lugo o álbum ‘Baladas da Galiza imaxinaria’ no marco do ciclo ‘Lubicán 2016’. ‘ Baladas da Galiza imaxinaria’ é o resultado da primeira xira que fixeron xuntos Uxía e Fran Pérez, Narf, por América. Este disco, no que participan dous grandes talentos da música galega, acolle temas clásicos do seu repertorio anterior e tamén algunha composición nova. Como espectáculo, ‘Baladas da Galiza imaxinaria’ antóllase como un concerto en formato intimista no que os artistas convidan ao público a coñecer as “cancións da lingua viaxeira”. Acabados de de chegar da maior xira dun grupo de canción de autor en galego nos Estados Unidos, Uxía e Narf estarán este xoves en Lugo para encarnar, como dixo o profesor na Texas Tech University, Neil Anderson, “o sentimento de que o mundo é máis grande do que pensamos, pero máis pequeno do que imaxinamos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2016.