Este venres péchase o prazo de inscrición no curso de experto en xestión de residuos agrarios e agro industriais do IBADER
O Curso de Experto en Xestión de Residuos Xerados nas Explotacións Agrogandeiras e nas Industrias Agrarias de Transformación pechará este venres 21 de xaneiro o seu prazo de inscrición. Promovido pola USC, o curso desenvolverase no campus de Lugo de febreiro a xuño.
Trátase dun curso de 17 créditos ECTS, dirixido a titulados universitarios e non universitarios que desexen formarse no ámbito da xestión e manexo de diferentes residuos. Temáticas como os sistemas de xestión deste tipo de residuos, o marco legal existente neste aspecto e as diferentes problemáticas actuais neste ámbito formarán parte dos contidos específicos deste curso, que se afrontará a través de sesións presenciais e non presenciais e achegará diferentes casos prácticos. Profesores e investigadores das universidades de Santiago e Vigo; persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; profesionais da administración autonómicas e de empresas galegas relacionadas coa xestión de residuos, así como representantes de industrias que auto xestionan os seus serán os encargados de impartir as diferentes materias. Esta actividade formativa, dirixida por Elvira López Mosquera e María Jesús Sáinz Osés, está organizada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e este ano conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico Alimentario (CETAL). Para máis información as persoas interesadas poden consultar a páxina web do Ibader (www.ibader.org).