O Verán CampUSC 2010 abre de novo as súas portas aos nenos e nenas de 3 a 12 anos
A Universidade compostelá pon en marcha por segundo ano consecutivo en Santiago o Verán CampUSC 2010, iniciativa orientada aos fillos e fillas de entre 3 e 12 anos de membros da comunidade universitaria, asistentes a cursos de verán da institución e persoal da Fundación USC Deportiva. O período de inscrición será do 24 de maio ao 6 de xuño.
O programa Verán CampUSC está concibido como unha actividade de carácter deportivo, cultural, socioeducativo e de lecer, para permitir a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar no período de verán, como se expresa especificamente no Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC.
O programa organízao a Vicerreitoría de Cultura coa colaboración da Vicerreitoría de Calidade a través da Oficina de Igualdade de Xénero.
Como na edición anterior, organízase en horario de 08:45 a 14:15 horas, onde os nenos e nenas desenvolverán xogos e actividades de tempo libre, xunto coa iniciación en actividades deportivas e de entretemento, tendo en conta as idades das persoas participantes.
O CampUSC transcorrerá dende o primeiro día de vacacións escolares ata o último, agás o mes de agosto, en cinco quendas: a finais de xuño; a primeira quincena de xullo; do 19 ao 23 de xullo; do 26 ao 30 de xullo; e inicios de setembro. As actividades desenvolveranse nas instalacións deportivas do Campus Universitario de Santiago, ademais da Carballeira de San Lourenzo e a Sala NASA.
A iniciativa está financiada con cartos do Fondo Social Europeo captados pola Oficina de Igualdade da USC a través dunha convocatoria do Servizo Galego de Igualdade, de maneira que se reduce moito o custo da actividade para as familias con respecto á edición do ano pasado.