Ir o contido principal

Un verán de ciencia

Primeiros participantes nos Campus Científicos. Foto Servimav-USC
Primeiros participantes nos Campus Científicos. Foto Servimav-USC
Xa están na USC os primeiros estudantes que participan nos Campus Científicos

Os sesenta estudantes de primeiro curso de Bacharelato de toda España que participan na sexta edición dos Campus Científicos de Verán chegaron este luns á USC. No Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca o grupo foi recibido polo vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, e o coordinador deste ciclo, Luís Hervella. Os campus científicos organízaos o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co patrocinio de Obra Social la Caixa e a colaboración de 16 universidades pertencentes aos Campus de Excelencia Internacional certificados en 2011 nas que teñen lugar as estadías. O seu obxectivo é incentivar o acceso dos estudantes a titulacións científico-técnicas e apoiar a permanencia no primeiro ano dos estudos de Grao para consolidar as vocacións nestes ámbitos. A experiencia permitiralle ao estudantado concibir o coñecemento científico como un saber integrado que se estrutura en distintas áreas, así como a súa aplicabilidade na resolución de problemas en diversos campos da investigación e da innovación. A iniciativa posibilitará tamén transmitir aos estudantes a experiencia científica directa, os valores, fundamentos e procesos metodolóxicos da ciencia, conectar a vida non universitaria e a universitaria e potenciar a convivencia entre estudantes de diferentes comunidades autónomas. Na USC o alumnado poderá participar nos proxectos ‘A sustentabilidade do ciclo da auga: Un dos 21 retos do século XXI’, ‘Buscando as partículas más enerxéticas do Universo’, ‘A maxia dos hidroxeles’ e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’ que dirixen, respectivamente, Gumersindo Feijoo Costa, Ricardo Vázquez López e Pablo Vázquez Regueiro, Francisco Javier Otero Espinar e Mª. Victoria Otero Espinar. A actividade estenderase entre o 29 de xuño e o 25 de xullo. A esta primeira quenda sumaranse na segunda quincena outros 60 estudantes de 4º de ESO divididos tamén en dúas quendas dunha semana. Foto Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2015.