Ir o contido principal

Veterinaria valida un método de inmunodiagóstico para estudar infestacións por larvas de 'Cephenemyia stimulator' en corzos

Arias, Pajares, Morrondo e Díez, na Facultade de Veterinaria da USC
Arias, Pajares, Morrondo e Díez, na Facultade de Veterinaria da USC
A investigación desenvolvida polo asturiano Gerardo Pajares é a quinta tese de doutoramento sobre o estado sanitario dos corzos que dirixe o grupo Invesaga da USC

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC lidera as investigacións sobre a infestación por larvas de Cephenemyia stimulator (Diptera: Oestridae) en corzos trala posta a punto dun método de inmunodiagnóstico (ELISA-indirecto) que permite estudar a seroprevalencia dunha míase específica do corzo amplamente difundida na área de distribución deste ungulado.

A validación desta técnica metodolóxica, baseado en antíxenos de excreción-secreción obtidos a partir de larvas de segundo estadio de C. stimulator, centra as pescudas desenvolvidas polo ex presidente e presidente de honra da Asociación Española do Corzo (ACE) e funcionario do Corpo Superior de Veterinarios do Principado de Asturias, Gerardo Pajares Bernaldo de Quirós, na tese de doutoramento 'Estudo sobre a infestación por larvas de Cephenemyia stimulator (Diptera: Oestridae) en corzos (Capreolus capreolus) do Norte de España', que vén de presentar na Facultade de Veterinaria da USC. Esta investigación, dirixida por Mª Patrocinio Morrondo Pelayo e Pablo Díez Baños, catedráticos da área de Sanidade Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC, e María Sol Arias Vázquez, bolseira de postdoutoramento da Xunta de Galicia, constitúe xa a quinta tese de doutoramento sobre a cuestión sanitaria do corzo dirixida polo grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC. A cefenemiose é unha miase obrigatoria e específica do corzo que está amplamente difundida na área de distribución do ungulado, concretamente no norte, centro e sur de Europa, aínda que en Espas non se rexistraron as primeiras denuncias de infestacións ata comezos do século XXI. As moscas de Cephenemyia ao achegarse aos corzos para depositar as larvas cáusanlles tensións e inquietude, o que interfire negativamente sobre a inxestión e aproveitamento de alimentos por parte do ungulado. A presenza dos diferentes estadios larvarios de C. stimulator nas vías respiratorias altas orixina sinusite, estornudos, descarga nasal, tos, disnea, problemas de deglutición e mesmo pneumonía por aspiración. Ademais, se a intensidade da infestación é elevada (30-80 larvas) pode producir a morte de aproximadamente o 50% dos corzos, como sucedeu no Norte de España desde 2005. Daquela, as achegas recollidas por Gerardo Pajares na súa tese son relevantes porque método de inmunodiagnóstico (ELISA-indirecto) demostra especificidade e sensibilidade axeitadas para estudar a seroprevalencia da míase en corzos, xa que constata unha boa correlación entre niveis de IgG séricos e poboacións larvarias nos animais examinados. De feito, esta técnica permitiu comprobar, tras a análise de máis de 500 soros, que entre os anos 1994 e 2000 non había corzos seropositivos a C. stimulator no noroeste de España. Unha casuística diferente é a advertida entre os anos 2007 ao 2014, período no que se detectaron seroprevalencias do 40%, unhas estatísticas corroboradas cos estudos realizados tralas necropsias de máis de 100 corzos, o que fai pensar que esta miasis introduciuse en España a partir de comezos do século XXI. A tese comproba ademais que os factores climáticos das zonas de procedencia dos corzos inflúen en que prevaleza ou non a intensidade de infestación, sendo estes máis elevados nas zonas de montaña, diferenzas que son máis acentuadas respecto da intensidade de infestación. Así mesmo, o sexo e a idade dos cérvidos determinan diferenzas apreciables de permanencia e intensidade de infestación por larvas de C. stimulator. Así, os adultos e os machos presentan porcentaxes de infestación máis altos, mentres que os exemplares mozos e as femias acubillan maior número de larvas. A combinación das técnicas de exame directo (necropsia) e indirecto (inmunodiagnóstico) permitiu establecer que o ciclo biolóxico de C. stimulator está condicionado por factores climatolóxicos, de modo que se comprobou que a diapausa larvaria ten lugar no outono e no inverno, o que coincide cunha evidente redución da seroprevalencia e unha moi escasa ou nula presenza de larvas 1 e 2. Mentres, dado que o vo da mosca comeza ao final da primavera e esténdese até o verán, é neste período cando se activa especialmente o desenvolvemento do ciclo interno. A tese demostra que Cephenemyia adapta o seu ritmo de desenvolvemento ás condicións climáticas, de forma que, nas épocas máis desfavorables, as larvas de primeiro e segundo estadio mantéñense en diapausa favorecendo a continuidade do ciclo. Tribunal da tese e cualificación Os profesores da área de Sanidade Animal Natividad Díez Baños, da Universidade de León; Rosario Panadero E Adolfo Paz, da USC; Carlos Nores, profesor de Zooloxía da Universidade de Oviedo, e o tamén doutor e investigador responsable da área de Xenética e Reprodución Animal do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento: SERIDA, Félix Goyache, formaron o tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Gerardo Pajares e que obtivo a cualificación de sobresaínte cum laude por unanimidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.05.2016.