Ir o contido principal

Visitas guiadas, cursos de astronomía ou obradoiros de telescopios son as propostas do Observatorio Astronómico da USC para a Semana da Ciencia

O prazo de inscrición permanece aberto

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC mantén aberto o prazo de matrícula para participar nas actividades organizadas co gallo da Semana da Ciencia. Visitas guiadas, cursos de astronomía ou obradoiros de telescopios son as propostas desta unidade universitaria. A primeira cita será o curso de iniciación á Astronomía, a celebrar os días 10, 11, 17 e 18 en horario de 20:15 a 21:30 horas. Ademais haberá dúas sesións e observación astronómica de hora e media de duración cada unha a determinar dependendo das condicións meteorolóxicas. Os días 12, 13, 19 e 20 será a quenda das visitas guiadas ao Observatorio, organizadas en grupos de dez persoas, que deberán anotarse previamente no teléfono 981.592.747 ou no correo electrónico oasec [at] usc.es (oasec[at]usc[dot]es). Estas visitas, dunha hora de duración, desenvolveranse en horario de 20:00 a 24:00 horas. O obradoiro de telescopios celebrarase o sábado 13 de novembro, de 18:00 a 21:00 horas, dando paso ás xornadas de astronomía para nenos/as, que se celebran os días 14 e 21, pola tarde de 17:00 a 18:30 e de 18:30 a 20:00 horas.

Pechará a programación de actividades un obradoiro de conceptos básicos de astronomía, a celebrar o 20 de novembro. O Observatorio ofrece igualmente actividades itinerantes relacionadas coa Astronomía, existindo a posibilidade de que o seu persoal se desprace a outros localidades ou mesmo dentro do propio concello de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2010.