Volven as xornadas ‘Turismo de Natureza’ impulsadas polo Ibader en Foz
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemeto Rural (Ibader) organiza unha nova edición das ‘Xornadas de Turismo de Natureza’ no concello de Foz que se desenvolverán o 19, 20, 26 e 27 de novembro no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) e na Escola Obra Pía de Fazouro, en Foz. Dentro do Ano Internacional da Biodiversidade este curso de formación, dirixido polo docente e vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego, busca achegar aos alumnos, investigadores e profesionais afíns unha visión integradora das novas perspectivas do turismo de natureza así coma dos criterios de sustentabilidade que deben rexer esta rama. O programa do encontro fará especial fincapé nos espazos naturais protexidos, tomando como referencia os emprazados na Mariña Lucense aos que se realizará unha visita co obxectivo de acometer unha análise e valoración. Por outra banda, exporanse as potencialidades turísticas doutros recursos naturais coma os fungos, e estudaranse modelos de figuras como a das bandeiras azuis ou proxectos ambientais que transcenden o sector turístico como o de LugO2. As xornadas contan con importantes expertos en educación ambiental, xestores de espazos naturais e especialistas na xestión do uso público pertencentes ás distintas universidades galegas, empresas de turismo sustentable e administracións públicas entre as que se atopan a Deputación Provincial de Lugo, a Consellaría de Medio Rural e o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño. Entre os representantes das administracións figuran José Enrique Rodríguez Coello, director do proxecto medioambiental Lugo O2; Rogelio Fernández Díaz, subdirector Xeral de Espazos Protexidos e Biodiversidade da Consellaría de Medio Rural e José Miguel Estevan Dols, xefe do Servizo Provincial de Costas de Lugo. A duración do curso é de 31 horas e conta cun crédito de libre configuración para todos os estudantes da USC. O custo da inscrición, que pode realizarse ata o día 17, é de 45 euros e existe un límite de 40 prazas. A organización porá a disposición dos interesados bolsas de aloxamento a solicitar no momento da matrícula para as noites dos días 19 e 26. Na páxina web www.ibader.org e no teléfono da secretaría do curso 982824507 pódese atopar toda a información necesaria.
Esta actividade programada dende o Campus de Lugo, realízase en colaboración co concello de Foz e o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e foi presentada este venres polo director do curso, Pablo Ramil Rego, e o alcalde de Foz, José María García Rivera, nesta localidade.