Ir o contido principal

Xa están dispoñibles os primeiros e-books da USC

Vinte e cinco novidades editoriais do Servizo de Publicacións dos anos 2009 e 2010 xa están dispoñibles como e-books na plataforma Todoebook.com, xestionada pola empresa líder no mercado editorial dixital Publidisa. O número de títulos neste formato irase incrementando consonte o ritmo de produción do propio Servizo. A entrada neste mercado editorial supón un fito para a USC xa que son moi contadas en España as institucións educativas que están a aproveitar o potencial das novas tecnoloxías neste sector. Por outra banda, este xoves en Líber, a feira do libro español que este ano ten lugar en Barcelona, presentouse a plataforma conxunta para a venda de e-books das universidades na que igualmente participa a USC, auspiciada pola Unión de Editoriales Universitarias españolas. Ao acto asistiu o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés. En primeira liña A USC pode gabarse de estar á última no que á incorporación das novas potencialidades tecnolóxicas ao seu servizo editorial se refire. Así, non só facilita que os seus docentes e investigadores presenten as súas publicacións en formato e-book senón que, ademais da colaboración con Googlebooks, en breve ten previsto abrir unha libraría de libros electrónicos e adherirse a MeuBook, plataforma electrónica do libro galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2010.